Aberta a inscrición nas probas de acceso a Ciencias da Actividade Física e do Deporte
Por Redacción
Ata o vindeiro luns 20 de abril permanece aberto o prazo de inscrición nunhas probas que constitúen un requisito previo para todos os aspirantes a cursar esta titulación da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, aínda que, unha vez superadas, será o expediente académico o que determinará finalmente quen pasará o vindeiro curso a formar parte do alumnado do campus.
"O obxectivo é que o alumnado teña un nivel de condición e habilidade física que permita que aproveiten todas as clases prácticas do grao ", salienta o decano, Vicente Romo, dunhas probas ás que non terán que someterse aqueles e aquelas que xa obtivesen a cualificación de aptos na súa anterior convocatoria, xa que desde o pasado curso teñen unha validez de dous anos.
Así mesmo, tampouco deberán acudir á facultade aqueles que as realicen con éxito noutras universidades españolas nin as persoas acreditadas como deportistas de alto nivel ou de alto rendemento polo Consello Superior de Deportes ou polo organismo competente da comunidade autónoma.
Os inscritos poderán realizar estas probas o 25 de maio ou o 22 de xuño, cita que supón ademais unha segunda oportunidade para quen non lograse alcanzar no primeiro día as marcas mínimas fixadas para os diferentes exercicios, aínda que, como lembra Romo, "a práctica totalidade dos alumnos que se presentan superan as probas".
Adaptación ao medio acuático, axilidade con obstáculos, mobilidade articular, habilidade ximnástica e resistencia aeróbica, xunto coas que miden a forza explosiva dos membros superiores e inferiores, constitúen as sete probas que integran esta avaliación. As e os aspirantes deberán acadar as marcas mínimas fixadas no regulamento en seis delas para obter a cualificación de apto e entre estas deberá figurar obrigatoriamente a de adaptación ao medio acuático.
Tralo peche do prazo de presentación de solicitudes,e abrirase un período de reclamacións que abranguerá ata o 12 de maio. Dez días despois, o l o 26 de abril publicarase a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas uns 22 publicarase a relación definitiva e esa mesma semana levarase a cabo, nas propias instalacións da facultade e do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, a primeira sesión das probas.
Segundo se recolle na convocatoria, de existir vacantes no grao poderían abrirse en setembro unha terceira convocatoria, algo que, como apuntan desde a facultade, non é habitual.