Concello e Deputación, "a tortas" polo campo de fútbol de Salcedo
Por Alejandro Espiño
"Como unha pelota no tellado dos políticos". Así aseguran sentirse os veciños de Salcedo con respecto á construción do ansiado campo de herba artificial para a parroquia, unha das tres, xunto con Lourizán e Xeve que non contan con un. Comprometido pola Deputación hai xa catro anos, esta infraestructura converteuse na penúltima arma arreboladiza entre a institución provincial e o Concello de Pontevedra.
O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, reuniuse con eles para explicarlles que no convenio asinado fai catro anos "a Deputación comprometíase a facer o campo en solitario por 1,4 millóns de euros" e recordou que "non contaron para nada co Concello, nin o chamaron, nin o invitaron, nin nada, e polo tanto non nos sentimos obrigados por nada".
Malia esta postura, Agustín Fernández asegurou que o goberno municipal "está disposto a falar cos veciños de Salcedo para buscar fórmulas que permitan axilizar a realización do campo, pero non estamos dispostos a aceptar imposicións de Louzán". Ao presidente da Deputación reclamou que cumpra co convenio asinado. "Se na precampaña electoral utilizou isto para obter os votos dos veciños de Salcedo, só el é o responsable disto. Que se deixe de malabarismos, que deixe de botar balóns fóra e que cumpra os seus compromisos".
Pero desde a Deputación teñen unha visión diferente e responsabilízase ao Concello de que o campo non se fixese aínda. Rafael Louzán, explicou que esta instalación deportiva preténdese construír nuns terreos que están cedidos ao Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), concretamente nunha parcela anexa ao Pazo de Gandarón, onde está situada a Misión Biolóxica.
Segundo Louzán, a cambio desa parcela, o goberno municipal debía ofrecer outra de similares características ao CSIC, e cambiar a súa catalogación, actualmente terreo de protección agrícola. Para iso, habería que realizar unha modificación puntual do plan xeral de ordenación urbana ou ben aprobar un novo PXOM, "e non se fixo nada por parte do Concello, esa é a triste realidade".
ÿ unha mostra máis, dixo o presidente da Deputación, do "descoido" municipal en materia deportiva. Apuntou que grazas á institución provincial, Pontevedra conta cun novo estadio de Pasarón, unha piscina olímpica ou cos campos de fútbol en Monte Porreiro e Marcón, entre outros, mentres que "o único que tiñan que liderar (polo Centro Lúdico da Parda), leva anos en estado de ruína".
Este último comentario foi o que encolerizou ao concelleiro de Deportes, Agustín Fernández. Tras cualificar a Rafael Louzán de "absoluto cínico", recordou que Pasarón custou máis do dobre "e nalgún momento terá que explicar por que" e que foi a Xunta do PP a que se desentendeu da Parda. "Políticos deste calibre deben ser apartados da vida política. Non pode seguir mentindo con ese descaro", denunciou o edil socialista.