A Audiencia xulga catro acusados de traficar con haxíx vencellados a "Pelopincho"
Por Redacción
Os feitos que relata a Fiscalía remóntanse ao ano 2010. Por aquelas datas, o narco José Antonio Pouso Rivas, alias "Pelopincho", prófugo actualmente da xustiza, púxose en contacto con Francisco Javier T.F., un mariscador de Outes, e con José Bernardo Villaverde Amil, un veciño de Monte Porreiro que tamén se atopa en paradoiro descoñecido.
Proponlles adquirir un barco Garbi III en Bilbao en mal estado para, segundo declaraba Francisco Javier T.F. durante a vista oral, explotalo turísticamente a través da pesca deportiva. Ese mesmo buque era apresado en novembro de 2010 cando tentaba trasladar catro toneladas de haxix procedente de Marrocos en Assenta, despois de encallar na costa portuguesa e perder gran cantidade da droga que transportaba.
Durante a primeira sesión deste xuízo sentaban este martes no banco dos acusados da sección segunda da Audiencia de Pontevedra catro investigados como presuntos integrantes dunha organización que se dedicaba ao tráfico de drogas.
O fiscal solicita inicialmente seis anos e medio para o veciño de Ribadumia, Manuel Sineiro, que conta con antecedentes por narcotráfico, ao entender que foi un dos coordinadores da operación con José Bernardo Villaverde Amil. Para os outros tres acusados, o coruñés Francisco Javier T.F., un melillense e un marroquí, solicita cinco anos e medio de prisión. Outro cidadán marroquí, tamén acusado, atópase en rebeldía.
Os avogados das defensas tentaron provocar a nulidade do xuízo alegando que as intervencións telefónicas que se realizaron aos seus clientes foran inxustificadas e sinalaban que existira falta de control xudicial por parte do Xulgado de Instrución de Cambados que levaba o caso desde o ano 2009. O xuíz Xosé Xoán Barreiro, con todo, decidiu iniciar a vista oral coas declaracións dos catro acusados, que negaron a súa participación nos feitos dos que se lles acusa.
Manuel Sineiro, a preguntas do fiscal Pablo Varela, indicou que non se acordaba da maioría das conversacións relacionadas coa causa e en varias ocasións contestaba "non vou dar explicacións". O xuíz chegou a chamarlle a atención polas consideracións que o acusado realizaba sobre o fiscal. O cidadán melillense negouse a declarar alegando que durante os anos en que se produciron os feitos el era militar no exército.
Si declarou o cidadán marrroquí que, segundo expuxo, viaxara a Bilbao para exercer de intérprete na embarcación que compraran Francisco Javier T.F. e José Bernardo Villaverde Amil. Sinalou que el pasou toda a viaxe desde o País Vasco ata Cariño no camarote mareado e que non viu as caras das outras dúas persoas que tripulaban a embarcación. En Cariño, indicou, abandonou o barco e sinalou que xa non continuou a viaxe ata Portugal.
Por último, Francisco Javier T.F. recoñeceu a compra do barco e a viaxe, acompañado de José Manuel L.N., ata Barbate onde deixou o barco para que fose reparado no porto. Despois trasladouse á súa localidade en Outes, onde se puxo en contacto con "Pelopincho" para informarlle de que o buque "xa estaba", segundo apuntou o fiscal. Días despois, o acusado recoñeceu que recibira a chamada de Salvamento Marítimo comunicándolle o apresamento do barco na costa portuguesa por transporte de haxíx. O fiscal lembroulle que nese momento chamara a José Manuel L.N. preguntándolle: "Que cojones fixeches co barco?".
A vista oral continuará este xoves 30 coas declaracións das testemuñas.
Relacionadas:
-
O inesperado testemuño da muller do socio de Pelopincho pecha o xuízo pola súa desaparición
Por Oskar Viéitez |
-
Unha desaparición en Monte Porreiro que, nove anos despois, mira cara a Bolivia para atopar respostas
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Solicitan arquivar a causa pola desaparición forzosa dun suposto narco ante a ausencia da súa esposa, testemuña crave
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A narco avogada Tania Varela será xulgada na Audiencia a principios de 2019
Por Natalia Puga |
-
O náufrago da banda de Pelopincho que transportaba haxíx acusa a Policía portuguesa de romperlle dentes e costelas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O xuízo de "Machucho" desvela vocabulario dos narcos para esquivar as escoitas telefónicas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
SOS: Búscanse noticias de José Bernardo Villaverde Amil tras seis anos desaparecido
Por Natalia Puga |
-
O xuízo no que Franco Argibay volveu á Audiencia... como avogado
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |