Alarma nas familias pontevedresas ante o temor dunha suba de prezos nos comedores escolares
Por Anxo Lourido
Os prezos que actualmente pagan os pais dos alumnos pontevedreses que empregan os comedores escolares están en perigo de incrementarse tras o anuncio do Conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, de implantar unha revisión das tarifas que actualmente se están a aboar.
O presidente da Federación de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Pontevedra (FANPA), Alberto Pita, sinalou que "existe sorpresa e medo de que se poida cambiar ou sistema ademais de indignación polo custo que pode ter para algunha familia". E sinalou para expresar a confusión que se está a vivir tras as palabras do Conselleiro que "non saben o que vai suceder. Os pais precisan saber o futuro inmediato para os comedores".
Actualmente benefícianse dos comedores escolares ao redor de mil nenos en Pontevedra e preto de setenta que pertencen a familias en situación desfavorecida contan coa gratuidade do servizo. E a achega da Xunta sitúase entre os 30 mil e os 40 mil euros.
Ante estes datos, Alberto Pita rexeitou os cálculos que realiza a Consellería para indicar que o prezo mínimo por alumno ten que ser de 4,5 euros. Sinalou que na rede de comedores de Pontevedra tal e como a están a xestionar dende a FANPA: "o que máis paga é 3,78 e a empresa que realiza o servizo saca beneficios. Por iso non se entende que o mellor prezo que poida poñer a Xunta sexa de 4,5 euros a un comedor escolar directamente xestionado por eles". O representante dos pais de alumnos mesmo ofreceuse ironicamente a xestionar o sistema: "Eu podo botarlle unha man nas negociacións porque non é de recibo ese prezo. O que imaxino é que con ese prezo págase o menú gratuíto. A Xunta non vai aportar absolutamente nada. Non se pode sacar ningunha medida sen facer un estudo serio anterior".
Pola súa banda, o concelleiro de Educación, Agustín Fernández, indicou que na actualidade teñen un convenio asinado coa FANPA para a xestión dos comedores e que se é necesario se estudarían outras posibilidades económicas para ver ata onde poderán chegar para subvencionar os comedores durante o próximo curso. Non obstante, apuntou que a responsabilidade é da Xunta de Galicia como encargada de xestionar os comedores. "Esta medida vai ser un revés moi importante para as familias que se suma a outros recortes. Se me ocorre preguntar se os pais e as nais que votaron de boa fe ao Partido Popular coñecían se isto ía pasar, porque se non o coñecían e o PP o ocultou isto é unha fraude. Porque é facer o contrario do que prometeches xa que isto non aparecía no seu programa electoral". E sinalou que tras os cambios anunciados polo Conselleiro Xesús Vázquez agóchase un negocio e a "eliminación sistemática da educación pública".