O PP propón que o Concello concentre os servizos municipais na antiga Delegación de Facenda
Por Anxo Lourido
O BNG co apoio de Marea sacou adiante na comisión de Economía e Facenda a compra dun local na rúa Ferreiros para trasladar alí servizos municipais, a través da aprobación da modificación de crédito por valor de 2,7 millóns de euros.
Desa cantidade destinarase un millón de euros á compra do inmoble para uso municipal e desde o Partido Popular, os concelleiros César Abal e Rafael Domínguez, lamentaron esta operación ao entender que se trata dun parche para tentar paliar un problema de localización administrativa.
Indican que continuará a desvantaxe para os cidadáns ao continuar sen centralizar os servizos municipais nun mesmo edificio. Neste sentido, César Abal apuntaba que existen edificios públicos que poderían concentrar todas as oficinas do Concello. Propuña que a antiga sede de Facenda, no convento de San Francisco, sería un espazo ideal para dar cabida aos servizos municipais.
Os populares consideran que coa adquisición dun inmoble á banca privada non se van a resolver os problemas dos funcionarios nin dos pontevedreses. Sinalaron que tamén a antiga sede do Banco de España, que linda co actual edificio do Concello, podería ser outra alternativa
RESPOSTA DO GRUPO DE GOBERNO
Con todo, o portavoz do goberno, Raimundo González, sinala que xa se mantivo unha reunión co director xeral de Patrimonio para facer un convenio entre a Deputación, o Concello e o Ministerio de Facenda para contemplar os posibles usos públicos da antiga sede de Facenda.
Con todo, indicou González, nunca chegaron a ter máis noticias sobre ese convenio por parte do Goberno estatal. O portavoz do goberno de Fernández Lores afirmou que o PP só quere poñer "paus na roda" cando a recolocación dos servizos municipais é unha cuestión urxente porque se necesita máis espazo para o departamento de urbanismo e finaliza o aluguer da oficina de xestión tributaria. E engadiu que se trata da solución "máis barata" porque adquirir calquera local ou edificio en uso levaría o baleirado e as posteriores obras polo que, segundo expresou, sairía máis caro.
Raimundo González criticou as contradicións nas que, ao seu entender, incorre o PP porque anteriormente solicitara que o histórico inmoble se convertise nun Parador de Turismo.
Relacionadas:
-
O PP propón crear a Casa de Cultura Municipal Alexandre Bóveda no antigo edificio de Facenda
Por Anxo Lourido |
-
O Concello ultima unha nova ofensiva polo antigo edificio de Facenda
Por Alejandro Espiño |
-
O antigo edificio de Facenda, futuro arquivo histórico provincial?
Por Alejandro Espiño |
-
Só queda entregar o talón para que o Concello adquira o novo local municipal
Por Redacción |
-
Moreira buscará o apoio dos funcionarios para frear a compra do novo local municipal
Por Alejandro Espiño |
-
Os socialistas ven "inadmisible" que o Concello compre un local en Ferreiros
Por Alejandro Espiño |
-
A compra do novo local do Concello é "inmediata"
Por Alejandro Espiño |
-
Os populares ven un "disparate" a compra dun local para o Concello por un millón de euros
Por Redacción |
-
O Concello amplía as súas dependencias coa compra dun local na rúa dos Ferreiros
Por Alejandro Espiño |