18 millóns para a A-57, principal aposta de Fomento para Pontevedra en 2017
Por Alejandro Espiño
A A-57 confírmase como unha das grandes apostas investidoras do Ministerio de Fomento para Pontevedra nos próximos anos. Así se reflicte nos orzamentos xerais do Estado que o Goberno presentou nas últimas horas. Máis de 18 millóns de euros destinaranse en 2017 para a construción desta autovía.
Case todo o investimento concéntrase no tramo da A-57 actualmente en construción, entre Vilaboa e A Ermida (Marcón), para o cal se reserva unha partida de 15 millóns de euros nos orzamentos de Fomento. Para 2018 serán outros 15 millóns, no 2019 18,5 millóns e o resto, 20 millóns, no 2020.
Ademais, figuran outros 3,2 millóns para a seguinte fase, a que unirá A Ermida e Pilarteiros (Xeve). Este segundo tramo recibiría 21 millóns máis en 2018 e outros 30 millóns tanto no 2019 como no 2020, segundo as proxeccións de Fomento.
A achega ao convenio entre o ministerio e o Concello de Pontevedra, pola súa banda, estará preto dun millón de euros. Ese diñeiro servirá, principalmente, para pagar as obras de saneamento que se están realizando en Mourente e Bora, ao longo do trazado da N-541.
A Pontevedra destinaranse tamén 500.000 euros para a adecuación e mellora da estrada PO-11. A esta actuación súmanse os case 600.000 euros que o Ministerio de Medio Ambiente reserva para o paseo peonil e ciclista entre Pontevedra e Marín, que levará outros 2 millóns de euros en 2018.
Tamén se recollen partidas xenéricas para conservación de estradas (24 millóns), para infraestruturas ferroviarias (32,8 millóns), para actuacións en portos -entre eles o de Marín- (22,8 millóns) e outro millón para rehabilitacións arquitectónicas.
O convenio coa Deputación para o aproveitamento turístico de xacementos galaico romanos en Pontevedra recibe só 175.000 euros. O maior investimento será nos anos 2018 e 2019 con máis de 4 millóns de euros.
No que respecta a toda a provincia, Fomento investirá un total de 125 millóns de euros.
VALORACIÓNS
Tras coñecerse as cifras que manexará Fomento, os deputados do PP pola provincia, Ana Pastor, Pilar Rojo e Tomás Fole, manifestaron a súa satisfacción porque estas contas demostran, segundo sinalan nun comunicado, o compromiso do Goberno por "dar continuidade a todos os compromisos contraídos coa provincia".
Pola contra, os socialistas Lola Galovart e Guillermo Meijón mostraron a súa "gran preocupación e indignación" polo que consideran unha caída dos investimentos na provincia. Estes orzamentos, sinalan, "en ningún caso serven para cumprir os compromisos do propio goberno coa nosa provincia".
Relacionadas:
-
A Audiencia avala a legalidade das obras da A-57 dous anos despois
Por Redacción |
-
Barro insiste en cambiar o trazado do treito final da A-57
Por Redacción |
-
A A-57 entre Pilarteiros e Barro xa ten declaración de impacto ambiental
Por Alejandro Espiño |
-
Fomento garante que a A-57 chegará ata Curro
Por Alejandro Espiño |
-
O saneamento de Mourente, en prazo: estará rematado en outono
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Así será a restauración e musealización de 18 castros da provincia
Por Redacción |
-
Costas unirá Pontevedra e Os Praceres no primeiro treito do paseo peonil a Marín
Por Alejandro Espiño |