A unidade de atención á psoríase de Pontevedra, todo un referente nacional
Por Redacción
Unha media de 30 pacientes semanais atende a unidade de atención á psoríase de Pontevedra. Trátase dun servizo, integrado no departamento de Dermatoloxía do Complexo Hospitalario de Pontevedra, que está considerado como un referente nacional na atención e tratamento desta doenza da pel.
De aí que esta unidade fora distinguida co premio Best in Class 2016, galardón que foi entregado este mércores no salón de actos do centro de especialidades de Mollabao e que recolleu a xefa de servizo de Dermatoloxía, a doutora María Ángeles Flórez Menéndez.
É o segundo ano que este servizo é recoñecido por este premio, que anualmente convoca a publicación especializada Gaceta Médica xunto coa Cátedra de Innovación e Xestión Sanitaria da Universidade Rei Juan Carlos para recoñecer aos mellores centros sanitarios e servizos de toda España pola calidade da súa atención ao paciente.
Este galardón, destacan desde o hospital pontevedrés, é a maneira de recoñecer publicamente aos mellores servizos, unidades e procesos asistenciais de hospitais e centros de saúde de toda España, tanto públicos como privados, destacando a excelencia na atención ao paciente e o bo facer dos profesionais sanitarios.
Nesta ocasión, o premio é precisamente pola súa atención á psoríase.
A psoríase é unha enfermidade crónica da pel que en España afecta a preto dun 3% da poboación. Na área sanitaria de Pontevedra, preto dun 80% dos casos nos que esta patoloxía presenta un estadio leve son controlados e supervisados dende Atención Primaria.
Relacionadas:
-
A escola que ensina a convivir coa psoríase
Por Alejandro Espiño |
-
O servizo de dermatoloxía do CHOP segue a acumular premios
Por Redacción |
-
O CHOP logra 12 candidaturas finalistas nos premios "Best in class 2017"
Por Redacción |
-
O servizo de dermatoloxía do Chop, nomeado como o mellor de España na atención á psoriase
Por Redacción |
-
A mellor atención á psoriasis de toda España bríndase no Chop
Por Redacción |