Telmo Martín di que o goberno local de Sanxenxo "chora en público o que non é capaz de negociar"
Por Oskar Viéitez
O portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Telmo Martín, criticou a "incapacidade" para xestionar que, ao seu xuízo, demostra o goberno local de Sanxenxo (SAL, PSOE e BNG) de quen di que "chora en público o que non é capaz de negociar".
Telmo Martín lembrou que está a piques de cumprirse un ano desde que o concelleiro Roberto Agís abandonase o goberno local deixando en minoría ao equipo do alcalde, Gonzalo Pita. Segundo o líder da oposición, en todo este tempo "os feitos demostran que o goberno foi a peor".
"Un goberno que queda en minoría non ten máis remedio que negociar coa oposición", sinalou o portavoz do PP que non dubidou en poñer como exemplo "o que lle está a pasar ao presidente Rajoy no goberno de España, que está falando e negociando" os Orzamentos Xerais do Estado.
Pola contra, en Sanxenxo, a día de hoxe "o alcalde nin sequera nos chamou para falar dos orzamentos deste ano" algo que Telmo Martín non ve "normal" do mesmo xeito que tampouco ve "razoable" que Gonzalo Pita "nin sequera convocase unha Xunta de Portavoces".
As consecuencias desta actitude "están a prexudicar os intereses xerais dos veciños" polo que criticou que o de Sanxenxo non é un goberno "serio" porque non dialoga co resto da corporación "algo inaceptable por parte do señor Pita e os seus compañeiros".
"Ou demostran que son capaces de gobernar en minoría ou que deixen aos demáis", espetó Telmo Martín
"Ou demostran que son capaces de gobernar en minoría ou que deixen aos demáis", espetou Telmo Martín, que se mostrou convencido de que o PP "en minoría, o faríamos bastante mellor que o que están a facer eles".
Finalmente Telmo Martín desvelou que "me consta" que as relacións no seo do grupo de goberno "entre o SAL e o Bloque, non son as idóneas para sacar adiante un barco tan grande como é o Concello de Sanxenxo" e engadiu que o alcalde está "desmotivado".
"Nestas circunstancias isto soamente vai a ir a peor", concluíu.