A fachada do Pazo Provincial reivindicará unha 'Sanidade 100% pública'
Por Redacción
A fachada do Pazo Provincial, sede da Deputación de Pontevedra na avenida Montero Ríos, reivindicará este venres, Día Mundial da Saúde, unha 'Sanidade 100% pública'.
Será a mensaxe que recolla a lona que prevé colgar o organismo provincial en defensa da sanida pública nesta xornada tan sinalada, na que tamén se conmemora o Día Europeo contra a Mercantilización da Saúde.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, explicou que con este acto a institución quere sumarse aos colectivos en defensa da sanidade pública e "demandar que haxa unha atención que garanta o dereito máis fundamental que teñen as persoas, o dereito á saúde".
Denunciar as listas de espera que existen na provincia e o "estado vergonzante" no que se atopan moitos centros de saúde de Atención Primaria en Pontevedra e que en Vigo hai un "hospital privado que ademais ten o aparcamento máis caro de todos", en alusión ao Álvaro Cunqueiro, son outras das reivindicacións que quere facer a Deputación con esta pancarta.
A reivindicación realizarase en preto de 40 cidades de todo o mundo e a Deputación sinala que é unha mostra do seu absoluto compromiso coa defensa dunha sanidade pública pública, universal, de calidade e gratuíta.
A Organización Mundial da Saúde (OMS) centra a súa campaña de sensibilización deste 2017 na depresión, unha enfermidade que afecta a persoas de todas a idades e condición sociais e de todo o mundo.