Do termalismo ao deporte e a Semana Santa, o turismo nas Rías Baixas colgará o cartel de completo
Por Redacción
O sector turístico das Rías Baixas "agarda a mellor Semana Santa dos últimos anos". As previsións que manexa a Deputación Provincial e que este xoves fixo públicas a presidenta, Carmela Silva, apuntan a que os establecementos hoteleiros da provincia acadarán unha ocupación media superior ao 75%, sendo especialmente elevada nas cidades de Pontevedra e Vigo ao coincidir co Campionato de España Absoluto Open de Primavera de Natación na primeira e co partido da Europa League do Celta contra o KRC Genk na segunda.
A presidenta provincial destaca que o deporte "é unha fonte de riqueza e visitantes na nosa provincia". Segundo indicou, ata o mércores 12 de abril as prazas hoteleiras da cidade de Pontevedra están ao 100% da ocupación por mor do campionato de natación, mesmo con participantes que tiveron que irse a outros municipios veciños por falta de espacio. En Vigo, o partido europeo do Celta será o Xoves Santo, día no que se espera a máxima afluencia de visitantes. Nesta cidade, agárdanse porcentaxes de ocupación do 80%, rodando o 100% nos días festivos.
Á marxe das actividades deportivas, a ocupación tamén se prevé elevada. Segundo as estimacións feitas pola Deputación e as que realizan en base ás reservas realizadas no portal web Booking, no Salnés agárdase unha ocupación superior ao 75%, que en Sanxenxo se prevé aínda superior, pois a través de Internet xa están reservadas o 85% das prazas dispoñibles.
Carmela Silva asegura que son cautelosos coas previsións, de modo que se prevé que poidan ser superiores en moitos puntos. No Concello de O Grove, por exemplo, esperan "rozar o cheo" e similar resultado se prevé para Vilagarcía, mentres que en Cambados o 75% das prazas xa están reservadas a día de hoxe.
Na comarca de Umia tamén se vivirán uns días de intensa actividade turística, cunha previsión de visitantes durante a Semana Santa do 80%, á que se une a celebración a partir deste venres 7 de abril do XII Encontro das Vilas Termais e a Asemblea da Sección de Entidades Locais con Augas Minerais e Termais da Federación Española de Municipios e Provincias, organizada pola FEMP, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra en Caldas e Cuntis.
Relacionadas:
-
Maio tivo case o dobre de ocupación que hai un ano, enchendo o 60% dos hoteis das Rías Baixas
Por Natalia Puga |
-
RADIO.- Canto custan e canto reportan as procesións de Semana Santa?
Por Marisa Ciordia |
-
Pontevedra rexistrou unha ocupación hoteleira do 40% en decembro
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A chegada de turistas ás Rías Baixas logra na ponte de decembro 26 puntos máis ca en 2015
Por Redacción |
-
As Rías Baixas botan por fóra... de turistas
Por Redacción |
-
Estiman unha ocupación hoteleira do 82% na comarca de Pontevedra durante a Semana Santa
Por Oskar Viéitez |