Este coruñés leva 14 anos en Pontevedra, desde que o goberno de Fernández Lores sacouno de Oleiros para que fora o responsable da comunicación e prensa do Concello. Sacámolo de Michelena, para charlar un intre en PontevedraViva Radio na súa Playlist, e como non para entrar no seu punto de referencia como bo "lambón".
As súas orixes familiares están en Ortigueira, aínda que para cando Antón Prieto Méndez naceu, os seus pais xa vivían na Coruña, así que se sente coruñés e séntea como a súa cidade. A asociación da prensa da cidade herculina algo de responsabilidade tivo no seu futuro, xa que tras conseguir o Premio Pérez Lugín -segue sendo a persoa que máis novo recibiu o galardón - a súa nai abriulle as portas a uns estudos superiores.
Alá marchou Antón, á capital, en plena efervescencia dos 80. En plena carreira de Ciencias da Información entrou na redacción de La Voz de Galicia. Tiráballe máis a práctica que a clase teórica, pero Teresa -a súa nai- púxolle os pés no chan e obrigouno a rematar os estudos. E así foi.
Logo viría a etapa de responsable de prensa do Concello de Oleiros, e de alí deu o salto a Pontevedra, onde xa leva 14 anos, xunto a Fernández Lores e o seu proxecto de cidade.
As súas "pasadas" previas pola capital eran para mercar glorias de xema, así que a primeira rúa que aprendeu a recoñecer foi Michelena.
Podes estar a falar nesta Playlist de PontevedraViva Radio co Antón nacionalista, co Antón familiar, co golfo, co inconformista, co irmán, co tío, co comunicador... ten moitos perfís -ademais dos de Facebook-, pero todos conforman ao mesmo, e sen todos eles, non sería el.