'Cazan' unha moza sen problemas de mobilidade aparcando en prazas de discapacitados para ir o ximnasio
Por Redacción
A denuncia dun cidadán puxo á Policía Local de Pontevedra sobre a pista dunha moza que, a pesar de non ter aparentes problemas de discapacidade, empregaba o cartón da súa nai para aparcar o seu coche en prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida. E todo para ir ao ximnasio no complexo deportivo Rías do Sur de Pontemuíños.
Todo comezou o pasado 30 de marzo. Unha persoa denunciou ante a Policía Local que unha muller viña estacionando o seu coche de xeito habitual na praza reservada para persoas con mobilidade reducida situada preto da entrada de acceso ao centro deportivo. Chegou a aportar mesmo un vídeo onde se vía a esta persoa correr nunha cinta do ximnasio.
A partir desta denuncia, comezaron as investigacións dos axentes. Ao día seguinte, estableceron un operativo de control. Ás 15.45 horas, a muller volveu aparcar no mesmo sitio e entrou nas piscinas. Tres cuartos de hora despois, os axentes observaron como saía do centro e subía de novo ao coche.
Seguiuna un coche patrulla para comprobar se nalgún momento recollía a calquera persoa que podía ter mobilidade reducida, constatando que en todo o percorrido ata o seu domicilio non recolleu a ninguén.
Polo número de expediente, a Policía Local identificou á titular do cartón, unha persoa de 56 anos de idade e que non correspondía coa condutora, xa que se trataba dunha moza moito máis nova.
Catro días despois, o 4 de abril, a muller volveu a actuar do mesmo xeito. Os axentes decidiron chamar ao guindastre para retirar o coche e agardala para notificarlle as sancións. Ao cabo dunha hora, aproximadamente, a moza saíu do ximnasio, pero optou por ir andando ata o cruzamento coa estrada de Marín.
A Policía descubriu que chamara á súa nai, a titular do cartón, para que fora recollela. Os axentes entrevistáronse coa infractora, sendo informada de todas as actuacións, aínda que tratou de enganar aos policías facéndolles crer que a súa nai estaba nas proximidades porque chegaran xuntas no vehículo.
Esta non foi a única denuncia efectuada por feitos similares nos últimos días.
O mesmo día, e mentres os axentes vixiaban a zona de estacionamento reservado para persoas con mobilidade reducida, observaron como unha señora estacionaba no reservado cun cartón no parabrisas, sen que se lle apreciase ningunha dificultade de mobilidade.
Ao ser preguntada sobre a titularidade do cartón, manifestou que estaba a nome do seu marido, que o deixaba no centro de día e que posteriormente pasaría a recollelo. Tras consultar na base de datos, os axentes comprobaron que o titular do permiso falecera no mes de decembro.
Nos dous casos, os axentes da Policía Local de Pontevedra procederon á intervención das tarxetas para a súa remisión ao órgano emisor.
Desde a Policía Local, destacan que a colaboración cidadá é determinante para denunciar o uso fraudulento deste tipo de tarxetas. Existe un correo electrónico a disposición de calquera persoa que queira informar sobre estes feitos: policialocal@pontevedra.eu.
Ademais, a xefatura recorda que dá moito traballo demostrar este tipo de uso fraudulento dos cartóns, normalmente son necesarios varios días de seguimento, pero advirten que a pesar de todo continuarán con esta campaña de control.
Relacionadas:
-
Denunciado por usar prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida coa tarxeta dun falecido
Por Redacción |
-
Denuncian unha empresa de transporte por levar persoas en cadeira de rodas sen medidas de seguridade
Por Redacción |
-
Campaña da Policía Local de Poio sobre o uso das tarxetas de parking para persoas con mobilidade reducida
Por Redacción |
-
Denuncian un turista andaluz por aparcamento fraudulento en prazas para persoas con discapacidade
Por Natalia Puga |
-
Queixas en Marín polo uso indiscriminado dos aparcamentos para discapacitados
Por Redacción |
-
Pon de escusa á súa irmá para evitar unha multa e a súa nai delátaa
Por Natalia Puga |
-
Amizade felicita a Policía Local polo control do uso incorrecto da tarxeta de discapacidade para aparcar
Por Redacción |
-
Denunciado por usar de forma fraudulenta o cartón de estacionamento para persoas con discapacidade da súa irmá
Por Natalia Puga |
-
Finxe unha coxeira ao ser sorprendido pola Policía usando fraudulentamente un cartón para persoas con discapacidade
Por Oskar Viéitez |
-
Un conductor sen discapacidade, sorprendido aparcando cun cartón caducado en 2009
Por Redacción |