Reforzan a seguridade no porto deportivo de Sanxenxo para Semana Santa
Por Redacción
Dez vixiantes dunha empresa de seguridade privada controlarán o porto deportivo de Sanxenxo durante as noites da inminente Semana Santa, para evitar que se produzan altercados relacionados co lecer nocturno.
Nauta Sanxenxo decidiu contratar a estes vixiantes para que estean presentes no porto desde as doce da noite ata as oito da mañá.
Os vixiantes estarán no porto durante as noites dos días 13, 14, 15 e 16 de abril, nas que se prevé maior afluencia de público a estas instalacións portuarias.
"A enorme afluencia de persoas que rexistra este equipamento público na Semana Santa obriga a aumentar a vixiancia para velar polo bo uso das instalacións", explicou o vicepresidente da sociedade municipal, Jesús Sueiro.
Os responsables de Nauta Sanxenxo entenden que esta medida é necesaria para garantir a compatibilidade dun lecer de calidade coa actividade inherente ao porto e preservar así a imaxe deste equipamento lúdico e deportivo.
O ámbito sobre o que se centrarán os vixiantes incluirá o parking, apoiando así o labor dos traballadores para impedir que se rexistren ruídos, desembarcos de bebidas alcohólicas ou condutas indecorosas, entre outras.
Ademais, a Concellería de Seguridade Cidadá deseñou un dispositivo especial de vixilancia para as noites de Semana Santa.
Así, a Policía Local verase reforzada con dúas patrullas máis que realizarán tarefas de vixilancia nocturna co obxectivo de garantir a tranquilidade e a seguridade en todo o termo municipal e que patrullarán as rúas de Sanxenxo e de Portonovo.
Xunto aos reforzos planificados para garantir a seguridade durante as noites, o persoal da Policía Local dará cobertura ás diferentes actividades culturais e relixiosas que se desenvolverán no municipio con motivo da Semana Santa e que provocarán cortes puntuais na circulación do tráfico.
Relacionadas:
-
Buscas traballo para este verán? Sanxenxo ofrece 24 prazas de auxiliar de Policía Local
Por Redacción |
-
Constatan unha redución de incidencias en Sanxenxo durante a Semana Santa
Por Redacción |
-
Os policías locais de Sanxenxo poñerán multas "a toda máquina"
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo reclama máis presenza policial en Semana Santa e o verán
Por Redacción |