Bueu promove un estudo de viabilidade para a futura piscina municipal
Por Redacción
O Concello de Bueu segue a avanzar no traballo para a construción dunha piscina municipal. O próximo paso será elaborar un estudo de viabilidade da futura instalación, para o que contan cun orzamento de 7.200 euros, IVE incluído.
Segundo informou o Concello a través dun comunicado, acaba de aprobarse o prego de cláusulas administrativas particulares de contratación do servizo para elaborar ese estudo. O anuncio foi publicado no taboleiro de anuncios da sede electrónica municipal.
O prazo de presentación será de 15 días naturais a contar desde a publicación na Plataforma de Contratación do Estado, que se prevé para a próxima semana.
O estudo deberá ter en conta o proxecto básico e de execución da piscina municipal e a documentación complementaria, e nel explicitaranse as necesidades da poboación no ámbito sectorial que proceda: deportivo, terapéutico, actividades para persoas da terceira idade e/ou nenos en idade escolar, e outras que fomenten a saúde e o benestar social.
O estudo deberá indicar as características que debe reunir a instalación e as que permitan maior diversidade de servizos e un aforro de custes, sempre tendo como premisa básica o servizo á cidadanía.
Teranse en conta tamén as previsións sobre a demanda de uso e a incidencia económica e social, a valoración dos datos e informes existentes que fagan referencia ao planeamento sectorial, territorial ou urbanístico, os riscos operativos e tecnolóxicos na construción e explotación da obra, o custe do investimento a realizar, e o sistema de financiamento proposto para levar a bo termo esta obra.
Relacionadas:
-
A piscina de Bueu será financiada entre o Concello e a Deputación
Por Redacción |
-
Bueu aproba en xunta de goberno o proxecto de piscina municipal
Por Redacción |
-
Bueu pedirá á Deputación os fondos para a piscina municipal que non logra da Xunta
Por Redacción |
-
Bueu reclama os cartos comprometidos pola Xunta para a construción dunha piscina
Por Oskar Viéitez |