Sanxenxo adxudica obras de saneamento por valor de 88.730 euros
Por Redacción
A empresa COVSA resultou adxudicataria dunha obra consistente na instalación de redes de saneamento de augas residuais e abastecemento nas rúas Coruña, Lugo e traseira da rúa Vigo, no centro de Sanxenxo e Rouxique, en Vilalonga, por un importe total de 88.730 euros que serán integramente financiados con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Trátase de viarios que, ou ben carecen do servizo conxunto de saneamento de augas residuais e de abastecemento de auga ou ben existindo atópanse, debido á súa antigüidade, nun estado de deterioración tan avanzada que provoca continuas roturas nas redes e, por tanto, a constante interrupción dos servizos.
É unha actuación conxunta coordinada polas concellerías de Infraestruturas e Servizos, que pretenden renovar aquelas instalacións que se atopen en peor estado.
"A substitución das tubaxes ten un custo elevado e resúltanos imposible acometer estas actuacións en tódalas rúas que o precisan, por iso imos priorizando cada ano aqueles viais que consideramos máis urxentes", explican desde o goberno local.
Así, con cargo ao Plan Concellos 2016 executaranse estes traballos en catro viarios, tres deles no centro urbano de Sanxenxo, onde a empresa adxudicataria procederá á renovación das tubaxes xa existentes.
"Pretendemos así mellorar o servicio, xa que prolongarlle a vida a este tipo de instalacións ten un coste alto no que a calidade de servicio se refire".
En Rouxique, Vilalonga, esta actuación permitirá dotar de abastecemento de auga a unha tramo de poboación que carece deste servizo.
"Queda moito por facer, pero o que pretendemos é ir dando pasos para conseguir por un lado mellorar aquelas zonas nas que as tuberías están en peor estado e ir dotando de servicio a aquelas que carecen del".
Nesta mesma liña seguirá traballando o goberno local, que incluirá no Plan Concello 2017 novas obras tendentes a mellorar a rede de saneamento así como a dotar deste servizo e do de abastecemento de auga a algún lugar que carece do mesmo.