O cruceiro de Casas Novas, retirado e pendente de restauración tras sufrir o impacto dun coche
Por Redacción
Un canteiro de Casas Novas, en Mourente, retirou este mércores as pezas do cruceiro do lugar para que se poida realizar a súa restauración despois de que resultara danado nun accidente de circulación.
Segundo informou o Concello de Pontevedra, un coche impactou contra o cruceiro e quebrou pola metade. Non chegou a caer, pero eran moitas as posibilidades de que o seu capitel se precipitase ao chan, de modo que se optou pola súa retirada. O canteiro que realizou as tarefas contou coa colaboración dos bombeiros e da Policía Local.
O concelleiro de Patrimonio Municipal, Vicente Legísima, desprazouse ata o lugar do accidente e ordenou a retirada da peza para evitar que sufrise máis danos e proceder á súa restauración. Ata que se arranxe e restaure, está baixo custodia municipal.
Segundo a web patrimoniogalego.net, o cruceiro de Casas Novas data da Idade Moderna (XVI-XVIII) e amosa un cristo de labra rústica no anverso e unha virxe, sobre a cabeza dun querubín en actitude orante, no reverso.