O CHOP incorpora un novo equipo para realizar estudos do sono, un dos primeiros de España
Por Redacción
A unidade do sono do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra poderá realizar a partir de agora estudos do sono para o diagnóstico de enfermidades respiratorias e de alteracións neurolóxicas.
Este tipo de estudos son moi relevantes, pois preto do 8% da poboación adulta ten síndrome de apnea do sono e en Pontevedra realízanse unha polisomnografía diaria. A día de hoxe, reciben atención nesta unidade específica 2.500 pacientes da área sanitaria, a maioría por alteracións respiratorias e pola apnea do sono.
Segundo informa a xerencia da área de xestión integrada de Pontevedra e O Salnés, esta unidade do complexo hospitalario poderá realizar eses estudos grazas á incorporación esta semana dun novo polisomnógrafo, un dos primeiros que se instala a nivel nacional, que inclúe máis de 30 sensores para medir a calidade do sono, os movementos respiratorios, a forma de roncar do paciente e a saturación de osíxeno e de anhídrido carbónico no sangue, ademais do movemento das pálpebras e das pernas.
Este equipo tamén facilitará o control do fluxo de aire no nariz e na boca, a posición do corpo, a gravación en vídeo do sono e incluso posibilitará a incorporación de diversos aparatos para o tratamento de apnea do sono ou alteracións da ventilación pulmonar sincronizados cos demais rexistros.
Con este novo equipo, os especialistas poderán visualizar a evolución do sono do paciente a distancia e modificar os parámetros, de modo que non será preciso que a persoa atendida estea na consulta con eles. Ademais, permite ver de maneira simultánea varias pantallas, o que implica unha mellora significativa na calidade da análise.
Relacionadas:
-
Críticas ao Sergas por pechar en verán unhas oitenta camas en Montecelo e o Provincial
Por Alejandro Espiño |
-
O CHOP, disposto a ser o primeiro hospital de Galicia cun protocolo de atención a nenos con diabete
Por Redacción |
-
VIDEO.- José Ramón Gómez, o home dialogante escollido para crear o Gran Montecelo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |