Nin para pompiñas de Millo Corvo pola crise
Por Redacción
O Encontro co Millo Corvo celebrará a súa XV edición entre o 22 e o 24 de marzo na aldea de Meiro, no municipio de Bueu, pero este ano a crise tamén fará mella na súa programación. A organización anuncia que non se celebrará a festa gastronómica, como viña sendo habitual nas anteriores edicións.
A falta dun apoio económico estable por parte das institucións obrigou a reducir a envergadura dun evento declarado de Interese Turístico de Galicia e que se creou para contribuír á recuperación dunha variedade de millo negro case extinguida. O millo corvo foi asemade o primeiro produto galego en incorporarse ao catálogo internacional da Arca do Gusto promovido polo movemento Slow Food.
A Asociación Cultural de Meiro presentou este venres as actividades nunha rolda de prensa na que tamén participou o concelleiro de Cultura de Bueu, Andrés Lamosa, e sinalou que agarda que este impasse sexa un paso atrás para tomar impulso de cara a vindeiras edicións.
A presidenta do colectivo, Vitoria Martínez, explicou que o venres se celebrará a tradicional muiñada a partir das seis da tarde no Muíño da Presa, con millo corvo cedido pola veciñanza, xa que a asociación non sementou este ano. A xornada estará amenizada con música tradicional e a medianoite realizarase a queimada co conxuro.
O sábado 23, a partir das 11 horas desenvolveranse na Casa da Aldea obradoiros demostrativos de receitas tradicionais. O biólogo e permacultor César Lema elaborará un pan de landras, mentres que Rosalina Sánchez preparará dúas receitas mexicanas con millo corvo. Xa pola tarde, a partir das 17 horas, terá lugar un encontro de asociacións especialmente dirixido ás organizacións do Morrazo, aínda que está aberto a todas aquelas que queiran participar.
Ás 19.30 horas iniciarase a charla-coloquio 'As festas gastronómicas con valor cultural', co escritor e catedrático de Historia Xavier Castro e mais co poeta e mestre Xosé Vázquez Pintor. Ás 21 horas actuará asemade un grupo de música tradicional. As actividades pecharanse o domingo cun roteiro guiado polos muíños do Canudo, que sairá ás 10 horas da Casa da Aldea de Meiro. Para rematar, proxectarase o vídeo Rexurdir do millo corvo, testemuña dunha tradición.