Unha estudante da Esdemga triunfa na Mostra do Encaixe de Camariñas cunha proposta futurista
Por Redacción
Unha colección na que o encaixe se combinaba nuns vestidos de tecidos translúcidos con monos laranxas, azuis ou dourados. Así é o traballo co que Teresa Búa, estudante da Esdemga, gañou o certame de deseñadores noveis da XXVII edición da Mostra do Encaixe de Camariñas, celebrada esta fin de semana.
Este proxecto, titulado Verde, súper verde, é unha colaboración entre a estudante pontevedresa e María Vázquez, estudante da EASD Mestre Mateo de Santiago, que toma como inspiración a estética futurista de O quinto elemento, a película de Luc Besson.
A idea era converter en cíborgs aos modelos masculinos que os portaban e foi recoñecida, coa unanimidade do xurado, como gañadora dun certame que reuniu preto dun cento de candidaturas.
"A verdade é que era un proxecto moi arriscado que non tiña que ver co que se soe ver na mostra, quizais por isto gustou tanto", explicou Búa en declaracións ao Diario da Universidade de Vigo.
28 deses proxectos, que tiñan no uso de encaixe o seu denominador común, foron seleccionados para seren presentados nos diferentes desfiles que se sucederon ao longo dos catro días desta mostra, que na tarde do domingo daba a coñecer o nome do proxecto gañador dun primeiro premio dotado con 2.100 euros.
"Realmente non queríamos que a xente que vira os nosos deseños quixera compralos senón chamar a atención respecto da necesidade de que os homes se unan as mulleres na loita por levar adiante a igualdade", salienta Búa dunha proposta "cun carácter teórico de fondo" que buscaba "intentar mudar un pouco a idea do sistema no que vivimos e facer pensar a xente".
De aí que optasen por presentar modelos masculinos cunha serie de "vestidos clásicos de encaixe, o que non é algo moi habitual" e a través dos que se podían observar eses segundos estilismos interiores.
Relacionadas:
-
Da Esdemga ao máster en Deseño e Dirección Creativa de Moda
Por Redacción |
-
Unha deseñadora de Poio, Premio Nacional á Excelencia Empresarial en Moda
Por Redacción |
-
Esdemga participou no desfile internacional da Graduate Fashion Week de Londres
Por Redacción |
-
A Esdemga, convidada en Londres á Graduate Fashion Week
Por Oskar Viéitez |
-
Design & Fashion Future Lab: o lugar onde atopar proxectos que mesturan deseño, moda e tecnoloxía
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Rocío Laseca e Amai Rodríguez, dúas alumnas da Esdemga na Madrid Fashion Week
Por Redacción |
-
Dez anos amosando o futuro da moda galega
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |