O náufrago da banda de Pelopincho que transportaba haxíx acusa a Policía portuguesa de romperlle dentes e costelas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A terceira sesión do xuízo contra catro presuntos integrantes dunha banda dedicada ao narcotráfico na que figuran o cambadés Manuel Sineiro "Machucho", o veciño de Outes Francisco Javier Tuñas "Gelo", un melillense e un marroquí contaba este martes 18 coa presenza dunha testemuña fundamental na trama, José Manuel López Núñez. O home, tamén veciño de Outes, tripulaba a embarcación Garbi III con droga procedente de Marrocos con destino a Galicia ata que encallaba no litoral portugués. A fiscalía calcula que transportaba 4 toneladas de haxix, moitos dos fardos perdéronse no naufraxio.
López Núñez narrou ante as preguntas da fiscalía como viaxara ata Bilbao con José Antonio Pouso "Pelopincho", desaparecido desde 2010, días despois de que naufragase o barco Garbi III, con Francisco Javier Tuñas e con outro home ao que non soubo identificar, pero que segundo o fiscal sería outro desaparecido tras aquela operación, o veciño de Monte Porreiro, Bernardo Villaverde.
Recoñeceu que el e Tuñas embarcáronse cun mozo marroquí no Garbi III con destino a Barbate, en Cádiz, onde tiñan prevista a reparación do barco que se atopaba en malas condicións. Unha vez que chegaron ao seu destino e tras pasar varios temporais durante o traxecto, Tuñas e López Núñez regresaron a Galicia para visitar a "Pelopincho" e informarlle do traslado do barco.
A partir de aí, López Núñez indicou ao xuíz e, a preguntas do fiscal, que outro cidadán marroquí, de nome Óscar, ofreceulle 4 mil euros por recoller "un paquete" no mar na zona de Cádiz. Foi aí cando, sen avisar a Tuñas, segundo indicou no xuízo, trasladouse con Óscar ata Barbate e utilizou o Garbi III para recoller dúas bolsas que trasladaron dous mozos nunha moto acuática dentro de augas españolas.
Despois iniciou a viaxe de retorno ata Galicia. Óscar abandonou a embarcación en Sines e López Núñez continuou en dirección a Galicia onde recibiría unha chamada para entregar as dúas bolsas de deportes que transportaba e na que sospeitaba que ía unha pequena cantidade de droga. Pero o barco naufragou no litoral portugués.
A testemuña explicou como cando a policía o atopou na praia de Assenta-Torres Vedras ata onde lle levou o mar apareceron numerosos fardos de haxix que non podían viaxar no barco porque non aguantase tanto peso. Segundo alegou, nesa praia "todos os medios de comunicación portugueses e toda a xente sabía que aparecían fardos" con frecuencia.
AGRESIÓNS POLICIAIS EN PORTUGAL
José Manuel López Núñez di sobre a Policía en Portugal: "non me mataron de milagre"
José Manuel López Núñez explicou que durante o tempo que permaneceu cos axentes da Policía portuguesa "non me mataron de milagre". Anunciou ante o xuíz que nas primeiras 48 horas rompéronlle todos os dentes, o nariz, crebáronlle varias costelas e que mesmo a avogada de oficio lusa decidiu renunciar á súa causa ante os malos tratos que estaba a sufrir.
Sinalou que mesmo os axentes da Policía Nacional española que viaxaron ata Portugal para entrevistalo "tamén se animaron" a estes malos tratos. Chegou a relatar que o tentaron afogar nun cubo de auga cando el confesaba que non sabía nada dos cargos que se lle imputaban. Apuntou, ademais, que perdera 41 quilos de peso nun ano e que denunciara estas vexacións ante o consulado.
A testemuña indicaba que lle falsificaban a súa firma en varios documentos e ante as preguntas do fiscal sobre contradicións que se atopaban entre as distintas declaracións que fixera sobre este caso, López Núñez alegou neste sentido que estivo sometido durante tres anos e medio e que na súa declaración por vídeoconferencia ante o xuíz de Cambados "non quería saber nada de ninguén" e, pola contra, nesta vista oral recoñecía que si estaba a contar o que lembraba que pasou en 2010 en relación con este caso.
Dos catro acusados só recoñeceu coñecer a Francisco Javier Tuñas pero desvinculouno da operación de haxix na que el fora detido. Engadiu que coñecía a Pelopincho porque o seu pai acudía a tomar os viños no hotel que tiña en Outes, no que recoñeceu que tamén traballara uns días de cociñeiro.
O xuízo retomarase este xoves 20 ás 10.15 horas na sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra.
Relacionadas:
-
O inesperado testemuño da muller do socio de Pelopincho pecha o xuízo pola súa desaparición
Por Oskar Viéitez |
-
O xuízo de "Machucho" desvela vocabulario dos narcos para esquivar as escoitas telefónicas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A Audiencia xulga catro acusados de traficar con haxíx vencellados a "Pelopincho"
Por Redacción |
-
SOS: Búscanse noticias de José Bernardo Villaverde Amil tras seis anos desaparecido
Por Natalia Puga |