Un "abrumado" Óscar Graña será condecorado de novo pola Policía polo seu segundo rescate no Lérez
Por Natalia Puga
Óscar Graña declárase "atafegado" pola avalancha de felicitacións e o despregamento mediático que ocasionou o seu rescate a unha muller que estaba a afogar no río Lérez este luns. Este martes, durante unha pequena homenaxe na Subdelegación do Goberno en Pontevedra, revelou que o ministro do Interior, Juan Ignacio Zoido, non só lle dedicou un tuit felicitándoo, senón que o chamou por teléfono para darlle os parabéns. Ademais, escoitou en persoa unha lista inacabable de eloxios do seu superior, o comisario Manuel Bouzas, e decatouse de que están a buscar a forma de condecoralo pola súa actuación.
O Día da Policía 2015 Óscar Graña recibiu a Medalla ao Mérito Policial polo seu anterior rescate no Lérez. Agora que "en termos penais, é reincidente", o comisario xefe da Policía Nacional recoñece que "non sei que imos facer esta vez", pero asegura que "algo seguro que si". Ademais, como xefe provincial, destacou que sente "honrado" de que o campión do mundo de piragüismo maratón sexa funcionario en Pontevedra e, como membro da Policía, está "orgulloso de pertencer a esta institución".
Actuacións como a de Óscar Graña "engrandecen ao corpo" e "contribúen a que os cidadáns nos valoren na súa xusta medida", sostén Manuel Bouzas, mentres a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana Ortiz, manifestou o seu "orgullo" de que este salvamento realizouno un membro do corpo de Policía. No momento do rescate, estaba fóra de servizo e adestrando na súa faceta de piragüista profesional.
O protagonista, aínda nervioso e emocionado, volveu atender aos medios por segundo día consecutivo e declarouse sorprendido pola repercusión da súa fazaña a nivel nacional, pero fixouse no lado bo de todo o despregamento, pois "é un bo remedio para a institución policial". Non deixa de ser un acto dun axente fóra de servizo que "axuda á imaxe da Policía", unha institución que "día a día" atende actuacións que non xeran tanto balbordo e "son igual de importantes".
As palabras do ministro do Interior emocionárono, pois deulle os parabéns porque foi unha boa actuación dun axente fóra de servizo que "evidentemente iso implica os principios básicos de actuación". Igual reacción lle causaron os eloxios do comisario xefe, ao que repetiu as súas "grazas" ante os medios. Pero, de todas, formas, o máis importante para el é o "desenlace positivo" do rescate en si, que compensa a "tensión" e o "nerviosismo" que afrontou.
En todo caso, el, xa por terceira vez, tentou restar importancia a quen o eleva á categoría de heroe, pois está convencido de que "todos os que estamos na institución levamos esa sangue especial para intervir en situacións de emerxencia e é o que faría calquera funcionario e cidadán".
*Todas as declaracións realizáronse en castelán e foron traducidas.
Relacionadas:
-
Óscar Graña, agradecido pola súa primeira homenaxe como deportista na Subdelegación do Goberno
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Rescatan un mozo de 25 anos que caera de madrugada ao Lérez
Por Alejandro Espiño |
-
Cidadáns reprocha ao Goberno de Rajoy que o pontevedrés Óscar Graña quede sen distintivo vermello
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Óscar Graña: "É a segunda vez que me tildan de heroe e eu considero que non"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Óscar Graña volve rescatar unha muller que se estaba a afogar no río Lérez
Por Natalia Puga |
-
Óscar Graña, policía, piragüista e artífice dun rescate no Lérez: "No, héroe no, esto lo hace mucha gente"
Por Natalia Puga & Oskar Viéitez |