Medio cento de universitarios mobilízanse por unha educación "galega e pública"
Por Redacción
"Aquí está, aquí se ve, a mocidade galega en pé". Con este lema os representantes da Liga Estudantil Galega no campus de Pontevedra concentráronse na porta da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación co único obxectivo de loitar por un ensino "galego e público" e para denunciar as políticas "que buscan privatizar un servizo que é do pobo". Uníanse así ás protestas e concentracións convocadas en todo o país con motivo do Día Internacional de Loita Estudantil.
A suba "desorbitada" das taxas universitarias, a eliminación da prazas de profesorado, a redución de bolsas e orzamentos, o descoido da calidade no ensino ou a externalización de servizos foron algunhas das reformas citadas polo alumnado "que poñen de relevancia a mercantilización da educación por parte dos gobernos", segundo explicou un dos voceiros da asociación, Alberto Paz.
"O público é servizo, o privado beneficio", coreaban os alumnos e alumnas concentradas, reclamando unha maior dispoñibilidade de recursos para o ensino universitario. Criticaron publicamente o avance de políticas neoliberais "aproveitando a escusa da crise económica", ademais das subvencións con erario público a prazas de ensino privado. "O futuro é noso e debemos loitar para que non no lo quiten", concluían os organizadores da protesta.