Pontevedra, decidida a camiñar cara as "cero vítimas graves" en accidentes de tráfico
Por Alejandro Espiño
Por sexto ano consecutivo -desde febreiro de 2011-, Pontevedra non rexistrou falecidos por accidentes de tráfico nas rúas da cidade. É, segundo destacou Carme da Silva, un resultado "moi positivo" que avalan as medidas "estruturais" adoptadas para mellorar a seguridade viaria. Pero non se deterán aí. O Concello márcase un novo obxectivo: que tampouco haxa feridos graves.
Da Silva recoñece que se trata dun reto "ambicioso" que só se poderá alcanzar cunha maior concienciación por parte de todos os usuarios da vía.
En 2016, segundo recolle a memoria da Policía Local, producíronse en Pontevedra 884 accidentes de tráfico. Un total de 131 persoas resultados feridas nestes sinistros, dos cales 113 foron de carácter leve. Os 18 restantes -12 deles peóns- requiriron asistencia hospitalaria durante, polo menos, 24 horas, polo que son catalogados como graves.
Trátase dunha cifra que, lembrou o intendente da Policía Local, Daniel Macenlle, apenas sofre variación dun ano para outro, polo que para reducir o número de accidentes graves haberá que deseñar campañas específicas.
Nos próximos meses, os axentes da Policía Local poñerán unha especial énfase en alertar aos pontevedreses do perigo que supoñen os descoidos ao volante ou conducir sen estar en plenas condicións físicas e psicolóxicas. E é que seis de cada dez accidentes que se rexistraron en 2016 foron "evitables", ao producirse por non prestar a suficiente atención.
Nesta campaña, informarase os condutores da necesidade de manter a concentración cando están ao volante e explicaranse as condicións baixo as que non é recomendable conducir, entre outras cuestións.
Outro dos datos que máis preocupa ás autoridades é o alarmante crecemento no número de condutores que foron sorprendidos circulando en Pontevedra sen o correspondente seguro ou sen que o vehículo pasara a ITV. No último ano, foron denunciadas unhas 500 persoas por cada unha destas dúas irregularidades.
Por iso, a Policía Local poñerá en marcha unha segunda campaña para que os pontevedreses se conciencien de que un coche que non pasou a ITV supón un risco potencial para a seguridade viaria porque "pode non estar en condicións para circular" e que non contar con seguro pode provocar que, en caso de accidente, a vítima quede "totalmente desatendida".
Ambas as cuestións supoñen importantes multas económicas, que alcanzan os 1.500 euros no caso de non ter contratado o seguro. Ademais, Macenlle advertiu que as novas tecnoloxías fan que sexa "cada vez máis fácil" detectar aos infractores, xa que cunha simple PDA o axente pode saber se o coche ten seguro ou pasou a ITV.
Xunto a estas dúas campañas, a Policía Local tamén vixiará a circulación en zonas da cidade nas que se detectaron velocidades excesivas ou inadecuadas para a vía. Farano, antes do verán, co novo radar que comprará o Concello nos próximos meses.