Os populares critican que o goberno local sexa "incapaz de ter Sanxenxo limpo"
Por Oskar Viéitez
"É evidente que Sanxenxo está sucio", así o asegura o grupo municipal do Partido Popular neste concello turístico que está convencido de que "a Semana Santa deixou unha vez máis en evidencia ao goberno".
O PP cita as "numerosas queixas" de veciños e hostaleiros polo mal cheiro dos colectores desbordados de lixo.
Nas súas críticas os populares afirman que "Sanxenxo está sucio porque ten un goberno que non funciona e porque ten unha concelleira irresponsable que non sabe distinguir o rechamante do verdadeiramente importante".
Finalmente engaden que a concelleira responsable da área "tampouco se preocupa" de que a concesionaria do servizo de recollida de lixo e limpeza cumpra o contrato, que é o máis alto do Concello, cun custo anual de 1,2 millóns de euros, e citan entre outros "incumprimentos" que a recollida do lixo do rural só se fai 3 días á semana e non 6 días como establece o contrato na tempada baixa e os 7 da tempada alta.
Tamén din que non se limpan os colectores coa frecuencia debida e cando se fai lávanos na propia rúa, vertendo as augas sucias á vía pública, en lugar de utilizar un camión lava colectores. A recollida de envases e cartón faise manualmente, en lugar de utilizar un camión específico.
A empresa ten contratadas nove persoas menos do que establece o contrato. Así, núcleos de poboación como Sanxenxo e Portonovo, varios días da semana, "só teñen un operario de limpeza viaria" e no caso de Vilalonga e A Revolta "nin sequera iso".
Desde o PP advirten que o "incumprimento reiterado" do contrato de recollida de lixo e limpeza viaria e a "falta de interese" do goberno en facelo cumprir "pode derivar nun delito de malversación de recursos públicos, pois o goberno está a ser cómplice da situación".