O Capital Shopping saca 31 comercios á rúa con descontos e actividades para todos os públicos
Por Redacción
"Visibilizar, entrar e comprar". Ese é o obxectivo co que este sábado se puxo en marcha a xornada de debut do programa 'A pé de rúa', deseñado pola Concellería de Promoción Económica dentro da marca Capital Shopping para a dinamización do comercio local. Animados pola iniciativa, 31 comercios da contorna das rúas Michelena e Peregrina sacaron os seus negocios á rúa e levaron os descontos ás tendas. E, para complementalo todo, obradoiros infantís e concertos.
A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, e a responsable de Cultura, Carmen Fouces, participaron este sábado nesta primeira xornada de 'A pé de rúa' con un percorrido por algúns dos comercios colaboradores. Nun deles, Bluet da rúa Michelena, a súa responsable amosouse satisfeita coa iniciativa e aplaudiu todas as actividades que se fagan para "apoyar el pequeño comercio" que sempre está entre "los olvidados".
"Me pareció interesante sacar el comercio fuera", destaca Cris Silva, que na súa tenda optou por apoiar a xornada aplicando un desconto do 15 por cento a todos os seus artigos durante todo o día.
Nesta primeira xornada de 'A pé de rúa' participaron 31 pequenos comercios, o 60% dos instalados nas rúas Peregrina e Michelena, o 75% se se exclúen as multinacionais. Para marcar cales eran e en cales había descontos, o Concello debuxou un camiño de tiza pola rúa, unha especie de guía que vai levando os cidadáns ata os negocios que apostan por dinamizar a actividade da cidade e por agradecer con descontos de entre o 10 e o 15% aos seus clientes que pasen e merquen nun día tan sinalado.
Anabel Gulías fará balance da xornada unha vez que poida falar con todos os comercios e que lle trasladen a súa experiencia, pero, a priori, xa considera un éxito conseguir que se chamara a atención sobre o comercio de proximidade e tamén que colaboraran tantos negocios da zona escollida. Avanza, iso si, a súa intención de seguir con este tipo de iniciativas.
A acción terá continuidade o 20 de maio nas Galerías Oliva, o 27 de maio nas perruquerías e o 3 de xuño na rúa Cruz Gallástegui. O resto das zonas da cidade xa terán o seu turno despois do verán. Ao respecto, Anabel Gulías sinalou que este sábado a xornada se viu deslucida polo tempo asollado, que animou aos pontevedreses e visitantes a cambiar a cidade e as compras pola praia. De cara á organización de novas actividades, terán en conta esta circunstancia.
Relacionadas:
-
A deterioración dos baixos e o prezo do aluguer sentenzan as galerías de Vázquez Lescaille
Por Manu Otero |
-
Un sábado 'a pé de rúa' cos comerciantes de Cruz Gallástegui
Por Alejandro Espiño |
-
'Rizando o rizo' en plena rúa Michelena
Por Diego Espiño |
-
Os salóns de peiteado de Pontevedra "rizan o rizo" e sacan os seus negocios "a pé de rúa"
Por Alejandro Espiño |
-
O 90% dos comercios das galerías Oliva promoven os seus negocios con 'A Pé de Rúa'
Por Redacción |
-
A Pé de Rúa chega ás galerías da Oliva con descontos, obradoiros, roteiro e degustacións
Por Redacción |
-
O Capital Shopping ponse a pé de rúa con accións imaxinativas para promover o comercio local
Por Redacción |