Luz verde de Fomento ao desdobramento da Avenida de Vigo
Por Alejandro Espiño
"Unha noticia fantástica para Pontevedra". Así cualifica o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, a confirmación por parte do Ministerio de Fomento de que o desdobramento da Avenida de Vigo executarase segundo os plans previstos. O Consello de Ministros deste venres autorizou a Fomento a destinar 7 millóns de euros para a construción deste novo vial, un proxecto que levaba anos entre os plans do goberno municipal.
"Cada paso en firme que se dea para cumprir cos compromisos alcanzados e consolidar o convenio é moi positivo", dixo César Mosquera. "Todos os indicios apuntaban a que se ían cumprir os prazos pactados, pero ver que a vontade política se consolida sempre é moi satisfactorio".
En concreto, o Ministerio de Fomento investirá, dacordo cunha próxima adenda ao convenio de colaboración asinado co Concello de Pontevedra en abril de 2009, 2,31 millóns de euros no 2013 e 2014 e outros 2 millóns no 2015. A esas partidas habería que sumar os 415.000 euros de 2012, destinados especialmente aos traballos previos de redacción e licitación do proxecto.
As obras do desdobramento da Avenida de Vigo serán executadas polo Concello de Pontevedra. Recorda César Mosquera que o primeiro proxecto presentado por Fomento "era demasiado duro co entorno". A cambio de apostar por un vial "cun tratamento máis urbano", o goberno local comprometeuse a encargarse da súa tramitación e da súa execución.
Mosquera explica que o proxecto "está moi avanzado" polo que calcula que, unha vez Fomento transfira os cartos ao Concello e se asine a adenda ao convenio, as expropiacións necesarias para executar o vial poderían realizarse nos primeiros meses de 2013. De cumprirse este prazo, o Concello de Pontevedra cre que as obras poderían comezar a medios de 2013 e estar finalizadas, segundo o concelleiro nacionalista, "a finais de 2014 ou principios de 2015".
Este desdobramento permitirá crear un vial de 500 metros paralelo á actual avenida de Vigo, que terá unha conexión directa coa estación de autobuses. Está previsto que conte con beirarrúas de 3,5 metros, un carril de saída e dous de entrada á cidade, así como zonas de aparcamento e unha senda peonil e ciclista.
Relacionadas:
-
Desdobrar a Avenida de Vigo, a obra "máis ambiciosa da década", permitirá unha "total transformación" da zona
Por Alejandro Espiño |
-
Desatáscanse as expropiacións para o desdobramento da Avenida de Vigo
Por Alejandro Espiño |
-
A visita de Ana Pastor a Pontevedra aprázase por un trámite do Consello de Ministros
Por Redacción |
-
Visita fugaz de Ana Pastor a Pontevedra para asinar o desdobramento da avenida de Vigo
Por Redacción |
-
O desdobramento da Avenida de Vigo e o acceso directo á estación poderían executarse á vez
Por Alejandro Espiño |