O consello de Tonucci: adaptar o modelo urbano de Pontevedra á personalidade de Cambados e O Grove
Por Redacción
O pedagogo italiano Francesco Tonucci continúa a súa xira pola provincia de Pontevedra e este martes desprazouse ata a comarca do Salnés, con visitas a Cambados e O Grove. En ambos os dous municipios, aconsellou tomar como referencia o modelo de cidade de Pontevedra, adaptándoo sempre ás súas características particulares e á personalidade de cada vila.
Tonucci realizou as visitas acompañado polo vicepresidente provincial, César Mosquera, e o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez. Acudiu aos concellos da comarca adheridos á rede de cidades dos nenos que el mesmo creou e subliñou o traballo que están a realizar para recuperar as vilas para os veciños. Nos seus consellos, indicoulles que é necesario que adapten o modelo a cada vila para facer que a aposta funcione e os espazos públicos volvan ser realmente para as persoas.
"Copiar non é bo, inspirarse é o axeitado", subliñou Tonucci, que en Cambados se reuniu coa alcaldesa, Fátima Abal, participou nun xantar de traballo e fixo un percorrido pola vila no que manifestou a súa sorpresa polo tránsito continuo de coches pola praza de Fefiñáns.
No Concello do Grove, reuniuse tamén co alcalde, José Antonio Cacabelos, e coa concelleira de Educación, quen explicou o traballo que se está a realizar para a implantación de camiños escolares. O alcalde Cacabelos trasladoulle a intención do goberno local de peonalizar algunhas das rúas da vila e retirar os coches para ganar así espazos para a veciñanza.
Tonucci tamén tivo a oportunidade de coñecer os proxectos educativos do CEIP Viñagrande de Deiro, en Vilanova de Arousa. O director do centro explicou que as actividades do colexio están moi baseadas na filosofía do pedagogo italiano: todos os días os alumnos desenvolven actividades psicomotrices a primeira hora, pasan despois á aula de aprendizaxe lúdica e dispoñen de contextos de aprendizaxe diferentes.
Relacionadas:
-
O encontro pontevedrés da rede española de "Cidades dos nenos" será o máis longo e concorrido
Por Oskar Viéitez |
-
Os nenos do Froebel estrean o primeiro roteiro Tonucci
Por Redacción |
-
As figuras da exposición de Tonucci, víctimas de actos vandálicos
Por Oskar Viéitez |
-
Frato amosa como facer visible o invisible do universo infantil
Por Mónica Patxot |
-
A relación entre Pontevedra e Tonucci, unha "profunda simbiose"
Por Redacción |
-
A imaxinación infantil visibilizarase no Pazo da Cultura cos debuxos de Frato
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Tonucci avoga por que os nenos participen no goberno das cidades
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Pontevedra converterase na "Provincia Tonucci"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O Pazo da Cultura acollerá a exposición 'Imaxinar a educación. 50 anos con Frato'
Por Oskar Viéitez |