Tellado cre que Pontevedra "merece algo máis que ser o último bastión dun nacionalismo que está en total retroceso en Galicia"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O secretario xeral do Partido Popular de Galicia, Miguel Tellado, asegurou este xoves que a cidade de Pontevedra "merece algo máis que ser o último bastión dun nacionalismo que está en total retroceso en Galicia".
Tellado acudiu á cidade do Lérez para manter unha reunión co grupo local do PP para "traballar coa mirada posta en maio de 2019" para as futuras eleccións municipais "e ese afán tráenos hoxe a Pontevedra". O secretario xeral do PP considera que esta é "unha praza complicada para o Partido Popular" pero engadiu que "non renunciamos a nada e hoxe ten máis posibilidades que nunca de gobernar esta cidade".
Con todo Tellado evitou confirmar se o presidente local, Jacobo Moreira, será o candidato do seu partido limitándose a afirmar que "é o mellor portavoz que ten o Partido Popular en Pontevedra" engadindo que "eu que son de Ferrol e non veño aquí a sinalar a ninguén", algo que lle corresponderá "aos afiliados".
Tellado cre que o PP ten agora "máis posibilidades" porque ve no alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, "signos claros de esgotamento", destacando que "o fin de ciclo é algo evidente".
Así, Tellado lembrou que o alcalde de Pontevedra "necesitou que viñese Martiño Noriega a aprobarlle os orzamentos, a cambio dos votos do BNG para as mareas en Compostela" e que a semana pasada "fixo unha crise de goberno para retirarlle competencias ao concelleiro Luís Bará que se foi ao Parlamento".
Segundo o secretario xeral do PPdeG, o nacionalista Fernández Lores amagó con retirarse pero "vendo as ansias do señor Bará quizais deu marcha atrás".
Ademais dixo que a "principal prioridade" do deputado pontevedrés do BNG é "defender os intereses de Abel Caballero e Carmen Santos".
Neste sentido Tellado deulle un "consello" ao rexedor nacionalista dicíndolle "que ande con coidado porque o señor Bará foi a Santiago a coller carrerilla na loita sucesoria do BNG en Pontevedra".
FIDEL CASTRO
O número dous dos populares galegos tamén mostrou o seu desgusto ante a posibilidade de que Miguel Anxo Fernández Lores participe nunha homenaxe a Fidel Castro como rexedor do municipio, "unha cidade como Pontevedra non merece que o seu alcalde se converta nun defensor de ditadores".
Tellado tamén censurou as formas coas que onte Carmela Silva dirixiuse á presidenta e portavoz popular do PP de Vigo, Elena Muñoz, aseverando que cos seus termos "denigra a actividade política e demostra un estado de nerviosismo". "Deberiamos desterrar o macarrismo da vida política" porque "estamos para respectarnos mutuamente e respectar aos que pensan distinto".
Finalmente, o secretario xeral do Partido Popular de Galicia, atendendo ás preguntas dos xornalistas, referiuse aos casos de corrupción que están a ser noticia estes días dos que dixo "manchan a imaxe da política en xeral e a imaxe do noso partido".
"Se a alguén lle molesta que aparezan casos deste tipo é aos que militamos neste partido", asegurou Miguel Tellado porque "nos sentimos máis manchados" pola conduta de persoas que "aproveitaron a súa presenza no Partido Popular" e nun cargo público "para enriquecerse", algo que xulga como "despreciable".
Relacionadas:
-
Moreira reduce os logros de Lores a unha "explanada" para autocaravanas e un "banco corrido" na Ferrería
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra é "muy importante" para o PP, segundo Pablo Casado, por ser "la ciudad de nuestro presidente"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Recuperar a Deputación, "obxectivo claro" do PP de Pontevedra para as municipais de 2019
Por Alejandro Espiño |
-
Rueda destaca que "nunca se deu" un compromiso investidor "tan grande" da Xunta en Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |