A fabada de Marcón chega este ano acompañada de paella
Por Alejandro Espiño
A fabada seguirá sendo a raíña indiscutible da festa gastronómica de referencia en Marcón, pero este ano terá un consorte á súa altura: a paella. Así o anunciaron os organizadores da Festa da Fabada, que este ano chega á súa undécima edición.
Unha carpa situada nas inmediacións da Casa da Cultura de Marcón acollerá, o vindeiro luns 1 de maio a partir das 13.30 horas, unha nova edición da festa organizada polo equipo de fútbol Marcón Atlético para recadar fondos para a súa actividade deportiva.
Serviranse unhas 500 racións de fabada e, como novidade, haberá 150 racións de paella. Están pensadas especialmente, segundo o cociñeiro Rubén García, para os nenos e os mozos que son "máis remisos" ás potaxes.
Ambos os pratos terán un prezo de oito euros por ración. Inclúese a cazola de barro, pan e viño ou auga.
Como vén sendo habitual, a fabada comezará a prepararse dous días antes, poñendo a desalar a carne. Rubén García explicou que a fabada se fará con "faba de Lourenzá" e incluirá chourizo, morcilla, touciño entrefebrado, orella, morro ou lacón, ademais das especias típicas e o aderezo de cebola, allo e pemento picante.
Pola súa banda, a paella será mixta e incluirá ademais de arroz de "primeira calidade", carne de pito e porco, ameixas, mexillóns e lagostinos.
A xornada estará amenizada pola actuación musical do grupo Calibre.
O pregoeiro da Festa da Fabada deste anos será Luisito, adestrador do Pontevedra, que colabora "de forma desinteresada", agradeceron os organizadores.