Cando a natureza non é un obstáculo
Por Oskar Viéitez
A Asociación Juan XXIII é unha entidade comprometida coa plena inclusión das persoas con discapacidade intelectual e a xeración de espazos accesibles e por iso desenvolveu o proxecto "Rutas para Todos".
O obxectivo desta actividade é facer marchas de sendeirismo accesibles para todos e "que a natureza non sexa un obstáculo" para percorrer camiños que para certas persoas con mobilidade reducida e discapacidade intelectual sen os apoios adecuados serían inaccesibles.
Axudados por unha cadeira Joëlette, que está especialmente indicada para a práctica de sendeirismo sobre calquera tipo de terreo, incluso os máis accidentados, este venres completaron un paseo por Vilaboa.
Grazas a esta cadeira, cedida por Discamino, conséguese que este desprazamento se realice de forma confortable para a persoa con dificultades de mobilidade, estando guiada en todo momento por persoal voluntario con formación previa.
A organización desta actividade tamén serviu para propiciar espazos de convivencia co alumnado do Grao Técnico Superior en Animación de Actividades Físicas e Deportivas do Instituto Sánchez Cantón e membros da Asociación Vaipolorío.
Con esta iniciativa solidaria e inclusiva, a Asociación Juan XXIII pretende facer máis visible o seu labor e ás persoas ás que representa.
Relacionadas:
-
O traballo de 25 voluntarios permite retirar máis de 400 quilos de residuos do Gafos
Por Redacción |
-
A Fundación Juan XXIII e o centro Príncipe Felipe, unidos nunha xornada de traballo polo Día da Árbore
Por Sofía Fernández Fuentes |
-
Usuarios de Juan XXIII e actores profesionais rodan unha curta para o FIC Bueu
Por Redacción |
-
Usuarios do Juan XXIII piden ao alcalde máis accesibilidade para persoas con discapacidade cognitiva
Por Alejandro Espiño |