Un centenar de xinetes pasarán polo centro urbano de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
A asociación Rapa das Bestas levará a cabo os días 17 e 18 de maio a primeira edición da ruta cabalar Sabucedo-Rías Baixas que contará coa participación dun centenar de xinetes.
Preto de 80 quilómetros que separan Sanxenxo de Sabucedo e que se farán en dúas etapas, pasando a noite en Pontevedra. As monturas descansarán na praza de Touros.
Esta ruta está aberta a todos os xinetes que desexen participar ata completar un máximo de cen, que é o tope que pode acoller o coso de San Roque. O prazo de inscripción pecharase o 1 de maio pero, a máis dun mes desa data tope, xa hai inscritos un total de 60 xinetes.
Segundo detallan desde a organización, a Ruta Sabucedo-Rías Baixas sairá de Sanxenxo o día 17, realizándose a comida na feira de Meis. Tras pasar noite en Pontevedra, renovarase o camiño o día 18 para chegar a Sabucedo a media tarde. Esa mesma noite está prevista a organización dunha cea que terá lugar no albergue.