Acordo para impulsar que o estudantado universitario teña experiencias internacionais
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e Salustiano Mato, o reitor da Universidade de Vigo, asinaban este mércores en Pontevedra un convenio de colaboración para que a institución provincial destine 100.000 euros para que o estudantado universitario poida completar os seus estudos fóra de España.
Desta forma, 100 estudantes serán seleccionados nos programas Erasmus + Estudos e Erasmus + Prácticas, ademais de na convocatoria de bolsas propias da institución académica, que contarán cunha axuda de mil euros.
Este convenio que xa se asinou en 2016 a petición da Universidade permite que moitos estudantes dos campus de Pontevedra e Vigo poidan participar nestes programas Erasmus xa que anteriormente, debido aos recortes económicos e a carecer de recursos suficientes, non estaban en disposición de participar destas iniciativas, segundo aclarou o reitor.
A presidenta da Deputación provincial, Carmela Silva destacou que desde o novo goberno da institución xa se achegou máis de medio millón de euros á universidade ao entender que a administración debe estar en permanente contacto coa actividade universitaria e destacou a colaboración que realizan desde o campus ao proxecto de compostaxe.
Co acordo asinado, concederanse para o curso 2017/18 oitenta axudas para o alumnado participante no programa Erasmus + Estudos, once para o Erasmus + Prácticas e nove para as convocatorias internacionais que realiza directamente a universidade.
Relacionadas:
-
A maioría dos universitarios estranxeiros que estudan no campus de Pontevedra son mexicanos
Por Redacción |
-
O campus estrea composteiro comunitario e poñerá en marcha unha horta ecolóxica
Por Oskar Viéitez |
-
O compost de Pontevedra será clave para o "cambio de cultura" na xestión de residuos
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |