Os escolares de Marcón, ciberexpertos con carné
Por Mónica Patxot & Natalia Puga
Alumnos dun colexio público de Pontevedra teñen a honra de terse convertido nos primeiros escolares con carné de ciberexperto de Galicia. Os pioneiros son 21 nenos de sexto de Primaria do CEIP de Marcón e este venres recibiron o recoñecemento da Policía Nacional, a Consellería de Educación e a Subdelegación do Goberno nun acto de peche do programa.
"No colexio hai que ir cos tempos", destacou a directora do centro, Carmen Lens, para presentar este proxecto desenvolvido no marco do Plan Director para a Convivencia e mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas e que durante os dous últimos meses levou ao centro aos responsables de Participación Cidadá da Policía Nacional para impartir un completo programa formativo de dez charlas.
Os escolaores abordaron "todos os problemas que hai na internet", entre eles, ciberacoso, grooming, sexting, suplantación de identidade, comunidades perigosas, acceso a contido inapropiado, xestión da privacidade e identidade dixital, netiqueta e mediación parental. Segundo explicou o delegado de Participación Cidadá da Comisaría, Roberto Carlos Carreia, tamén houbo unha actividade centrada no papel dos pais vixiando a súa navegación.
Cada un dos dez temas abordados leva un exame e os alumnos de Marcón superáronos todos con nota. De feito, en todas as probas obtiveron máis dun oito, demostrando a súa total atención. Segundo os seus mestres policiais, "están sempre moi atentos ás novas tecnoloxías, o que tentamos é ensinarlles como se deben usar".
Tras varias semanas de actividades, os responsables de Participación Cidadá conclúen que, en canto dánselles unhas pautas, os escolares "entenden perfectamente como deben actuar, que deben facer, que deben rexeitar". De feito, son os primeiros que contan que hai persoas que lles preguntan cousas e que lles piden que se fagan fotos espidos e eles mesmos danse conta que iso non se pode facer.
Unha vez superado o test final, este venres recibiron o seu carné de ciberexpertos, que está impreso na Fábrica de Moeda e Timbre e é imposible de falsificar. A maiores, o seu colexio quedou acreditado para o seu acceso á web de Ciberexpert@ da Policía, que contén todo o material e ferramentas necesarios para concienciar e sensibilizar aos alumnos no uso responsable da internet e detectar os riscos e problemas que poidan atopar.
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana Ortiz; o xefe territorial da Consellería de Educación da Xunta en Pontevedra, César Pérez Ares; e o comisario xefe, Manuel Bouzas, entregáronlles os carnés e destacaron que son os primeiros de Galicia en conseguilos ao adiantarse a un centro de Lugo que aspiraba a logralo.
A participación dos centros educativos no proxecto é voluntaria e poden solicitalo a través do correo seguridadescolar@policia.es, na páxina Web ou nas Delegacións de Participación cidadá. Este curso académico non participou ningún outro centro pontevedrés, pero si está previsto que o próximo ano se sume o Cabanas de Salcedo.
Relacionadas:
-
Marín estrea oitenta ciberexpertos
Por Redacción |
-
15 escolares de Ponte Sampaio xa presumen de ser ciberexpert@s para moverse con seguridade nas redes
Por Victoria Regueira & Anxo Lourido |
-
Ponte Sampaio empeza a formarse para ser un colexio ciberexperto
Por Redacción |
-
"Si la niñas dicen que sí o dicen que no, tenemos que respetarlo"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Un cento de novos ciberexpertos en Marín
Por Redacción |
-
Trinta escolares de Salcedo, expertos en ciberseguridade
Por Redacción |
-
Multitudinaria asistencia á charla da Policía sobre redes sociais
Por Redacción |
-
Marcón celebra 25 anos de orgullo educativo no seu colexio
Por Redacción |