Defensa recoñece o "apoio incondicional" do Liceo Casino
Por Mónica Patxot & Natalia Puga
O Día da Subdelegación de Defensa, que cada ano recoñece a contribución de persoas e institucións dos ámbitos militar e civil á difusión da cultura de defensa, converteuse este venres nunha homenaxe ao labor do Liceo Casino de Pontevedra, que recibiu unha placa conmemorativa en agradecemento á súa colaboración e apoio.
O delegado de Defensa en Galicia, Juan Carlos Sancha Orduña, e o subdelegado en Pontevedra, Ángel de Miguel, agradeceron o "apoio incondicional" do Liceo Casino, representado no acto nas instalacións castrenses polo seu presidente, Jaime Olmedo Suárez-Vence.
A Subdelegación de Defensa entregou condecoracións e recompensas a persoal militar con accións destacadas no último ano, diplomas ao persoal reservista voluntario e o premio á gañadora provincial da cuarta edición do concurso escolar 'Carta a un militar español'. Esta última, a alumna de primeiro de bacharelato do instituto Frei Martín Sarmiento de Pontevedra María Regueira Ruibal, foi reconocda por un traballo centrado en Maía Pita como heroína e o seu colexio recibiu un diploma acreditativo.
Ao acto asistiron, entre outros, o xeneral xefe da Brilat, Antonio Romero; a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana Ortiz; e os máximos responsables da Garda Civil e a Policía Nacional na provincia, Miguel Estévez e Manuel Bouzas. Ao seu termo, o anfitrión na Subdelegación de Defensa, Ángel de Miguel, asegurou que se senten moi vencellados á sociedade civil pontevedresa e integrados na mesma por varios motivos, entre eles, porque "nos nutrimos da xente de Pontevedra, fundamentalmente, e galega en xeral" para engrosar o seu 'persoal'.
O proceso de selección para o recrutamento de persoal militar completou a semana pasada a súa primeira fase con 600 candidatos en Pontevedra que se examinaron para entrar a formar parte das Forzas Armadas. Unha vez finalizado, constatouse un freo na tendencia dos últimos anos ao incremento do número de candidatos e que o principal destino para o que solicitan praza é a Brigada de Infantería Lixeira (Brilat).
Relacionadas:
-
O xeneral xefe da Brilat, membro de honra dos Mareantes
Por Mónica Patxot |
-
Mariano Rajoy, estrela do baile de gala do Liceo Casino seis anos despois
Por Ramiro Espiño & Cristina Saiz |
-
Así se recrutan novos soldados
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Mil aspirantes a enfundarse o uniforme militar e outras funcións da Subdelegación de Defensa
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |