Os veciños de Lepanto, dispostos a iniciar actos de protesta tras 20 anos sen reformas na rúa
Por Oskar Viéitez & Anxo Lourido
Representantes da agrupación de comunidades de propietarios e locais comerciais da rúa Lepanto mantiñan un encontro na mañá deste sábado 6 nas oficinas de Serga para acordar as actuacións que van levar a cabo coa intención de que o goberno municipal acometa a reforma deste céntrico punto de Pontevedra.
Eduardo Barros, así como outros propietarios de vivendas desta zona da cidade, defínense como "uns veciños cabreados". Afirman que presentaron un escrito en febreiro a través da Subdelegación do Goberno que posteriormente trasladaron ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e ao entón concelleiro responsable de Obras Urbanas, Luís Bará, reclamando que se acometan as obras prometidas para esta contorna e para as comprometéronse 280.000 euros en 2015.
Os veciños afirman que a rúa Lepanto atópase como hai 20 anos. Queren que se asuma a reforma de inmediato cunha necesaria ampliación de beirarrúas porque alegan que, nestes momentos, non é posible trasladarse portando un carriño nin cunha cadeira de rodas. Reclaman tamén máis e mellor iluminación, do mesmo xeito que maior limpeza viaria para evitar a presenza de excrementos caninos e tamén humanos nesta contorna urbana. "Parece tercermundista", afirma Eduardo Barros, engadindo que é "una calle céntrica y estamos olvidados".
Estes residentes barallan opcións de protesta na rúa como a instalación de globos nas xanelas ou fotos reivindicativas contra o alcalde e o grupo de goberno. Tampouco descartan concentracións se o diálogo que reclaman non chega a producirse. Afirman que desde febreiro están a esperar unha resposta concreta e só reciben falsas promesas. Sinalan que, de maneira individual, varios veciños transmitiron queixas aos membros do equipo de goberno sen obter resultados satisfactorios. "É indecente e estamos indignados", laianse.
RESPOSTA DO CONCELLEIRO DEMETRIO GÓMEZ
"Se os veciños queren unha xuntanza non teñen máis que solicitala e seguro que poderemos tela", afirmou Demetrio Gómez. Tras a remodelación do goberno impulsada polo alcalde, Férnández Lores, o concelleiro asumiu todas as competencias en obras tanto na área urbana como no rural, así como transporte e mobilidade.
Os xornalistas trasladaban este venres ao edil nacionalista o malestar dos veciños de Lepanto por non recibir resposta do goberno local tras pasar dous meses da solicitude dunha entrevista na que expoñer as súas queixas polo estado da rúa. "Se solicitaron a xuntanza seguro que hai reunión, que non teñan ningunha dúbida diso, e se non, solicítase e xa está", respondía Gómez Xunqueira.
O novo responsable de Obras e Mobilidade asegurou que "toda canta participación haxa é pouca no feito da reforma da cidade, e efectivamente, o modelo non está acabado". Neste sentido o concelleiro admitiu que hai rúas "onde aínda falta por intervir" e engadiu que "teremos que ir programando para poder facer que toda a cidade e todo o concello responda aos mesmos estándares de calidade urbana".
"As cousas teñen os seus ritmos e seguro que os veciños o entenden"
No caso concreto da rúa Lepanto, Demetrio Gómez ligou o seu futuro aos plans de peonalización do segundo tramo de Benito Corbal, "estase aí traballando en toda esa zona e actuarase na rúa Lepanto, claro". Con todo, confesa que "non hai data concreta".
"Eu comprendo a inquedanza dos veciños e o malestar porque todo o mundo en Pontevedra quere que o tráfico da súa rúa estea calmado, sexa fácil de achegar a todos os sitios, que non haxa barreiras… entendémolo, eh? Claro que o entendemos, como non o vamos a entender. Pero non se pode facer todo de vez, se puidésemos claro que o faríamos todo de vez", defendeuse o concelleiro. "As cousas teñen os seus ritmos e seguro que os veciños o entenden", concluíu.
Relacionadas:
-
Veciños de Lepanto reparan a rúa e decláranse "república independente" ante o abandono do Concello
Por Anxo Lourido |
-
Moreira reúnese cos veciños de Lepanto e reclama orzamento para a reforma integral da rúa en 2018
Por Redacción |
-
Os veciños de Lepanto dan un voto de confianza ao Concello, que terá un anteproxecto antes do 21 de marzo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O Concello, disposto a incluír Lepanto nun próximo ciclo de obras
Por Alejandro Espiño |
-
Vecinos de Lepanto denuncian o "abandono" e o "menosprezo" do Concello coa súa rúa
Por Redacción |