Denuncian que o "colapso" do 112 afectou á xestión do naufraxio do Nuevo Marcos
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A "caótica" situación que se viviu hai un ano no incendio da nave de Fandicosta (Moaña) non foi, segundo as asociacións profesionais das emerxencias en Galicia, un feito "illado". O naufraxio do barco Nuevo Marcos, a maior traxedia dos últimos anos na costa galega, tampouco foi atendida debidamente polo "colapso" que vive o 112.
Así o denuncian nun comunicado a asemblea de traballadores do 112 Galicia, xunto a outros catro colectivos: a Asociación Galega de Técnicos en Emerxencias Sanitarias (ASGATE), a Asociación de Técnicos de Emerxencias Sanitarias e Xestores de Emerxencias de Galicia (TES Galicia), a Mesa Intersindical de Bombeiros e a Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia.
Todos eles denuncian que os medios de resposta acuática máis próximos, que poderían ter apoiado a Salvamento Marítimo, eran os dos bombeiros de Pontevedra, "en ningún momento foron mobilizados", xa que o organismo que os debería ter alertado, o 112, "descoñecía que este parque contase con este tipo de recursos".
Este feito demostra "da maneira máis dolorosa", sinalan no seu comunicado, o significado práctico de carecer dun mapa de recursos, igual que sucedeu no incendio de Fandicosta, do que este 9 de maio se cumpre xa un ano.
Ademais, a situación actual do 112 tamén se evidenciou, engaden estes colectivos, no feito de que, á hora de mobilizar outro "recurso esencial" para aqueles mariñeiros, o helicóptero de rescate Pesca II, a plataforma tecnolóxica "bloqueou a chamada de alerta", retrasando arredor de dez minutos a saída dos medios aéreos.
"É un retardo inasumible que ten uns responsables directos ben identificables", aseguran.
Así, reiteran que o traslado do centro de atención de emerxencias do 112 á Estrada "está a estender o colapso a outros organismos", entre os que citan ás urxencias sanitarias, os parques de bombeiros, os dispositivos de rescate e salvamento, as forzas de seguridade ou as agrupacións de protección civil.
Todo isto se produce, sinalan os traballadores e asociacións profesionais, polas decisións estratéxicas que vén tomando a Xunta de Galicia en materia de emerxencias desde hai anos.
Aseguran que a ausencia dun mapa de equipos de intervención actualizado, a arbitrariedade na cobertura xeográfica destes recursos, o "alarmante" desequilibrio territorial na protección da cidadanía ante as emerxencias e a falta de "verdadeiros criterios técnicos" na mobilización de medios, configura un panorama "abonado para a traxedia", que funciona "a base da improvisación constante e favorece que se cometan neglixencias unha e outra vez".
A "temeridade" da Xunta nesta materia se reforza, denuncian, ante a privatización "sistemática" dos medios públicos de emerxencias e a "consecuente" precarización das condicións laborais dos traballadores, "primando" os intereses económicos de "empresas amigas" sobre a "salvagarda" dunha poboación á que "están a poñer en perigo".
Ante esta situación reclaman "rescatar" o carácter público dos medios de emerxencias para que, a través da xestión directa e dun mapa de recursos "racional e equilibrado" se poidan optimizar os tempos de resposta e conseguir a "necesaria" integración funcional que "vai máis alá de facer un edificio e poñer a placa de centro integrado".
"Mentres a Xunta continúe a abandonar das súas responsabilidades e se empeñe en colocar os intereses empresariais por riba de todo, a situación só pode ir a peor", recordan estes colectivos, xa que entenden que "facer negocio coas emerxencias implica pór en perigo a vida das persoas, e cada día que pasa a situación tórnase máis incontrolable".
A XUNTA DEFENDE A XESTIÓN DO SINISTRO
Horas despois de emitir este comunicado, a Xunta de Galicia defendeu a xestión dos servizos de emerxencia durante o naufraxio do Nuevo Marcos.
O goberno autonómico desmentiu "categoricamente" as acusacións de neglixencia por parte do comité de folga do 112 e sinalou que os protocolos de actuación funcionaron de forma correcta.
A primeira chamada de alerta no 112 Galicia, segundo a Xunta, recibiuse ás 5.32. Procedía dun particular que paseaba pola praia e que atopara un dos mariñeiros mollado e con síntomas de hipotermia. Esa primeira conversa durou tres minutos e 36 segundos, xa que a persoa que chamaba estaba confusa.
Ás 5.35 horas, o 112 puxo o alertante en comunicación co 061. Ás 5.36 informa a Salvamento Marítimo do sucedido e este sinala que vai movilizar o helicóptero de salvamento. Ás 5.40 Salvamento Marítimo chama ao 112 e solicita falar co alertante e ás 5.42, o propio Salvamento Marítimo pide ao 112 que se mobilice ao helicóptero Pesca I de Gardacostas.
Sobre o aviso aos bombeiros de Pontevedra, a Xunta sinalou que en incidentes destas características os medios que se mobilizan son os de Salvamento Marítimo, que é a quen corresponde a resolución deste tipo de emerxencias.
Relacionadas:
-
Decretan o arquivo da investigación do accidente do Nuevo Marcos
Por Redacción |
-
A falta de balizas dun polígono de bateas "contribuíu obxectivamente" ao naufraxio do Nuevo Marcos
Por Natalia Puga |
-
Sentida homenaxe durante a celebración do Carme aos falecidos no naufraxio do Nuevo Marcos
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
En Marea reclama as gravacións das transmisións do rescate do Nuevo Marcos
Por Redacción |
-
O "Nuevo Marcos" xa foi reflotado a Combarro
Por Oskar Viéitez |
-
Tres días de loito en Poio: "O noso pensamento neste momento tan tráxico está cos familiares e amigos"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot & Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Tres mariñeiros falecidos no naufraxio dun barco entre Tambo e Combarro
Por Natalia Puga & Oskar Viéitez & Mónica Patxot | Creada e actualizada