Incendio nunha floristería de Paseo de Colón
Por Alejandro Espiño
Un curtocircuito, segundo os primeiros indicios, foi a causa do incendio que se produciu en El jardín de Anabel, unha floristería da rúa Paseo de Colón. Foron os propios veciños os que, arredor das dez da noite, alertaron das lapas aos donos do establecemento, que ocupa un dos baixos comerciais do edificio número 15.
Dúas dotacións dos Bombeiros de Pontevedra achegáronse ata o local onde apagaron as lapas rapidamente. O lume, que se orixinou na zona do almacén da floristería, apenas provocou danos. Segundo explicou a PontevedraViva un dos donos do establecemento, "el problema fue el calor y el humo, que han destrozado casi todo lo que teníamos dentro".
O almacén, dixo, estaba cheo de material, "sobre todo de sacos, plásticos y cartón", o que provocou un fume intenso que, a través do falso teito que os une, afectou tanto aos dous negocios anexos, unha tenda de roupa de traballo e unha sucursal de NovaGalicia Banco, como ás vivendas particulares.
"A esa hora, estaba casi todo el mundo en el edificio. Estábamos cenando y nos asustamos porque olía mucho a humo. Nos llamamos unos a otros. No sabíamos lo que estaba pasando", relatou un dos veciños. Ao principio, explicou, "pensamos que estaba ardiendo el cuarto de contadores (que está parede con parede coa floristería), porque salia mucho humo de ahí. Pero al salir ya vimos que era la floristería".
As forzas de seguridade non ordenaron o desaloxo do edificio, pero si recomendaron aos veciños que pecharan as súas ventás, para evitar que entrara máis fume. Os veciños que, alertados polo suceso, baixaron á rúa, non puideron volver ás súas casas ata que os Bombeiros remataron cos traballos de extinción das lapas e coas medicións dos niveis monóxido de carbono.
Con todo, varias familias optaron por abandonar as súas casas e pasar a noite con familiares ou amigos, porque aseguraron que o cheiro a fume era "insoportable".
No incendio non se produciron danos persoais. Apenas pasaran vinte minutos desde que os donos da floristería, que leva aberta nese local hai tan só dous meses, pecharan o establecemento. "Estábamos cenando y nos empezaron a llamar los vecinos. No podíamos creernos lo que nos estaban diciendo", asegurou o dono. Agora teñen por diante valorar os danos materiais.