Xosé Luís Martínez, reelixido responsable local do BNG en Poio
Por Oskar Viéitez
O Consello Local do BNG de Poio ven de ser renovado nunha Asemblea Local que contou cunha importante participación da militancia que elixiu por unanimidade a candidatura encabezada por Xosé Luis Martínez Blanco. Esta candidatura está formada por doce membros do BNG de Poio, e nela intégranse 4 concelleiros na actual corporación municipal, entre os que se conta o propio alcalde, Luciano Sobral Fernández.
Xosé Luis Martínez presentou este venres en rolda de prensa aos membros do novo consello que el encabeza seguido do vicerresponsable local Xoan Bautista Cambón, Marga Caldas, Xaquín Agulla, Lidia Salgueiro, Francisco Acuña Casas, María Pousada, Alfonso Villanueva, Pilar Casas, Anxo Piñeiro, Almudena Acuña, Luciano Sobral e Martín Coello, representante de Galiza Nova de Poio, polo que o Consello Local do BNG neste Concello pasa a ter trece membros.
Case a metade dos seus membros teñen menos de 30 anos, e case a metade dos seus compoñentes incorpóranse por primeira vez a estas funcións.
Xosé Luis Martínez destacou que este é un Consello Local amplo que non só reflicte a "forte implantación do movemento nacionalista en Poio", senón que mostra a "vontade de incrementar a capacidade de traballo da organización ao servizo dos veciños e veciñas de Poio e de todo o país".
Na primeira reunión deste Consello Local se marcaron as principais liñas de traballo para esta nova etapa que pasan por "incrementar a nosa base social", traballar en colaboración co tecido asociativo e produtivo existente en Poio, e en sintonía co equipo de goberno municipal, "para solucionar os problemas dos veciños e mellorar a súa calidade de vida".
Para iso o BNG de Poio comprométese a "estar en primeira liña da esixencia ás Administracións para que cumpran cos seus compromisos", como por exemplo: esixir á Xunta de Galicia o cumprimento dos Convenios asinados, xa fai anos, co Concello de Poio para a mellora dos portos de O Covelo e Raxó, un Plan Integral de Seguridade Viaria para a PO-308, o parque empresarial de Fraga Moreira e a execución dun Plan Integral de Depuración e Saneamento da ría de Pontevedra. Igualmente, á Deputación reclamaranlle unha solución para a mellora dos accesos a Campelo.
Xosé Lois Martínez tamén marca como reto "á recuperación da maioría absoluta para o BNG nas próximas eleccións municipais".
Relacionadas:
-
Marga Caldas, á fronte dun renovado BNG de Poio
Por Redacción |
-
O xuíz non ve indicio de delito na denuncia do PP contra o edil de Turismo de Poio
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG renova as súas estruturas en Caldas e Vilagarcía
Por Redacción |
-
Demetrio Gómez releva a Eva Villaverde como responsable comarcal do BNG
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra reforza a súa posición no BNG liderado por Ana Pontón
Por Redacción |
-
RADIO.- Ana Pontón, unha nena tranquila e estudiosa que chegou a facer os seus tenteos cantando
Por Marisa Ciordia |