Críticas ao Sergas por pechar en verán unhas oitenta camas en Montecelo e o Provincial
Por Alejandro Espiño
Como cada ano por esta época, segundo denuncia a Agrupación Sindical de Profesionais da Saúde de Galicia (Prosagal), o Sergas ultima o peche de camas de cara o verán nos dous hospitais de Pontevedra, Montecelo e o Provincial. Este colectivo asegura que, desta volta, serán un total de 82 camas na área sanitaria.
A xerencia do CHOP, apuntan desde Prosagal, afirma que o motivo principal do peche "é poder ofrecer as vacacións dos profesionais facultativos cirúrxicos" e por iso vese na obriga de pechar estas camas, pero este sindicato denuncia que o "único motivo" para adoptar esta decisión é aforrar na contratación de persoal.
"Non só pechan os servizos con actividade cirúrxica porque nalgunhas unidades este peche prolóngase por máis tempo que o período estival", denuncia Prosagal, que cita expresamente os seis meses no caso dos lactantes ou os tres meses de Neumoloxía ou Medicina interna III.
A situación agrávase, din no seu comunicado, porque a poboación de Pontevedra aumentou en case 10.000 habitantes nos últimos 15 anos e a esperanza de vida é maior, cunha poboación cada vez máis avellentada, que sofre máis patoloxías agudas e crónicas que precisan de atención sanitaria, tanto en hospitais como en centros de saúde.
Ademais, critican que o Sergas non teña en conta as patoloxías típicas do verán, época na que hai máis accidentes, que poden precisar de intervención cirúrxica; golpes de calor, que en persoas maiores poden ser graves e necesitan ingresar durante días; ou infeccións respiratorias, que se poden complicar se non hai ingreso.
Este peche de camas supón, sinalan desde este sindicato, un colapso no servizo de urxencias, unha sobrecarga de traballo nas plantas que permanecen abertas, a mestura de pacientes con diferentes patoloxías, o que pode aumentar o risco de infeccións cruzadas, pacientes itinerantes entre habitacións, un persoal saturado ou un aumento das listas de espera.
Prosagal tamén denuncia o peche de consultas, tanto de atención especializada como de atención primaria, e que os beneficiarios de esta situación son os hospitais privados "pola derivación de pacientes que a decisión de peche leva consigo".
Con motivo desta situación, Prosagal convocou unha marcha de protesta que se celebrará o xoves 18 de maio, a partir das oito da tarde, entre a Praza de España e o Hospital Provincial. A ela invitan non só aos profesionais da área sanitaria, senón tamén a todos os cidadáns.
Relacionadas:
-
Profesionais do CHOP esixen a reapertura de camas pechadas en verán
Por Redacción |
-
Equipos de frío e ventiladores contra a calor no Hospital Provincial
Por Redacción |
-
O PP rexeita a iniciativa popular que garantiría por lei un Montecelo 100% público
Por Alejandro Espiño |
-
Prosagal protesta nas rúas contra o peche de camas hospitalarias durante o verán
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Os sindicatos que asumen o control da Xunta de Persoal do CHOP queren superar o "presidencialismo" de Iñarrea
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O CHOP incorpora un novo equipo para realizar estudos do sono, un dos primeiros de España
Por Redacción |
-
O CHOP, disposto a ser o primeiro hospital de Galicia cun protocolo de atención a nenos con diabete
Por Redacción |