Recollen máis dun cento de obxectos electrónicos na caixa verde
Por Redacción
Numerosos móbiles, cables ou cargadores, pero tamén impresoras, pantallas, ordenadores, altofalantes ou electrodomésticos remataron a pasada semana nas caixas emprazadas nos diferentes centros e instalacións do campus de Pontevedra.
No marco do proxecto Green Campus, a Vicerreitoría promoveu entre o 8 e o 12 de maio a cuarta edición da Semana da Recollida de Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos (RAEE), que permitiu reunir máis dun cento de obxectos, que coa colaboración da oficina de Medio Ambiente da universidade, serán trasladados a un xestor autorizado para o seu tratamento.
Dirixida tanto a recoller unha serie de dispositivos que funcionan con pilas ou baterías e que resultan contaminantes para o medio ambiente, como a promover a concienciación da comunidade universitaria ao respecto, esta cuarta semana de recollida péchase “cun balance que ten que ser positivo, porque segue contando coa implicación da comunidade universitaria”, como salienta o director da Área de Planificación do campus, Celso Cancela.
O propósito é que "pouco a pouco a comunidade universitaria se familiarice coa caixa verde", na que se poden depositar estes residuos.