As federacións de veciños piden que a ordenanza de terrazas garanta o descanso dos cidadáns
Por Redacción
A revisión da ordenanza municipal de veladores e terrazas debe ter en conta un uso equilibrado e respectuoso do espazo público e garantir o descanso nocturno dos veciños. Esta é a petición que realizaron este luns os veciños das federacións Castelao, Teucro e Boa Vila á concelleira de Promoción da cidade, Anabel Gulías.
Representantes das tres federacións reuníronse con Gulías no último dos encontros previstos na ronda de contactos con sectores empresariais e sociais para a elaboración do novo documento. Previamente, tamén se producira unha reunión coa asociación Pedaladas e agora que remataron xa todos os contactos previstos redactarase un borrador que será enviado aos colectivos para a súa avaliación.
Os representantes veciñais estiveron reunidos con Gulías e amosaron a súa preocupación pola ampliación do horario das terrazas, en especial polas noites e naquelas zonas onde abunda a presenza de locais de hostalería e ocio como pode ser a zona monumental e pediron que a actividade hostaleira non entorpeza o descanso dos veciños.
O obxectivo destes encontros é escoitar as demandas de toda a cidadanía de cara a acadar o maior consenso posible na revisión da ordenanza municipal e os dous mantidos este luns tiveron, en opinión de Anabel Gulías, un espíritu construtivo.
Segundo informou o Concello a través dun comunicado, a concelleira de Promoción Económica comparte cos veciños a necesidade de conxugar o despregue de terrazas co uso equilibrado e respectuoso do espazo público por parte de todos.
De feito, xa dende o primeiro momento subliñou a necesidade de que as terrazas non entorpezan a actividade económica doutros sectores e garanta a convivencia coa veciñanza.
No caso do colectivo Pedaladas, demandan que a instalación de veladores garanta a mobilidade e accesibilidade de bicis e peóns.
Relacionadas:
-
Os populares consideran un "parche" a modificación da normativa de terrazas
Por Redacción |
-
Os bares poderán instalar as súas terrazas a partir das nove da mañá
Por Alejandro Espiño |
-
O Carabela perde o monopolio da terraza na Praza da Estrela
Por Oskar Viéitez |
-
Comisións Obreiras quere ser consultada polo Concello antes de redactar a ordenanza de terrazas
Por Oskar Viéitez |
-
O "bo ambiente" entre sectores, clave para acelerar a ordenanza de terrazas
Por Alejandro Espiño |
-
Os comerciantes piden que as terrazas dos bares non resten visibilidade aos seus negocios
Por Redacción |
-
O Concello, "predisposto" a ampliar o horario das terrazas da hostalería
Por Alejandro Espiño |