O modelo de mobilidade de Pontevedra se universaliza e chegará a Cerponzóns e A Seca
Por Natalia Puga
A contorna do barrio da Seca e o núcleo de centralidade parroquial de Pidre, en Cerponzóns, incorporarán o modelo de mobilidade de Pontevedra. O Concello está a culminar dous proxectos de mellora en ambos os espazos nos que se priorizará o tránsito peonil, terán unha calidade urbana moi alta, apostarán polo acougado do tráfico e buscarase gañar espazo para as relacións sociais, o lecer e as actividades económicas.
Ambos os proxectos foron analizados este martes na Comisión de Mobilidade. Ao seu remate, o concelleiro responsable da área, Demetrio Gómez, explicou que o modelo de Pontevedra se universalizará a todo o municipio e este é un paso decisivo para logralo, aplicado a un barrio e unha parroquia nos que se porá en marcha a mesma filosofía e mesmo se manexan orzamentos similares: 224.967,44 na Seca e 219.625,49 en Pidre.
No caso da Seca, a reforma afectará á zona da intersección entre as rúas A Seca, Fernando Olmedo, Casimiro Gómez e Camiño Vello de Castela, unha área que na actualidade "está bastante desordenada" e ten "aparcamento caótico".
Entre outras medidas, ordenarán as prazas de aparcadoiro. Na actualidade, os coches estaciónanse a ambas as marxes da calzada, pero de forma irregular. Na marxe esquerda, o da zona máis pegada a Casimiro Gómez, habilitarase unha zona de estacionamento en batería con 19 prazas e na marxe dereita eliminaranse as prazas.
En canto ao tráfico, queda ordenado o tránsito de peóns e as prioridades, de tal modo que o tráfico de vehículos queda confinado nun extremo e potenciarase unha zona peonil arborizada. O proxecto manterá as direccións de tráfico practicamente como ata agora, tan só investirase o sentido do Camiño Vello de Castela.
En Cerponzóns, a mellora afectará á zona de Pidre, entre Pidre e Ameán, e poñerase en marcha un proxecto similar ao aplicado no núcleo de centralidade parroquial de Salcedo, co tráfico confinado nos extremos do espazo e que os vehículos non invadan os espazos dos peóns.
Entre outras medidas, elevarase a praza para que quede ao mesmo nivel toda a zona peonil e que a área de circulación de vehículos quede máis baixa e separada. A zona peonil non terá barreiras e mellorarase o parque infantil, en especial a zona arborizada do mesmo.
En ambos os casos, durante o proceso de elaboración do proxecto recolléronse xa as opinións dos veciños e está previsto realizar novas consultas sobre os planos xa elaborados. Este martes reunirase o Consello Parroquial de Cerponzóns e o vindeiro martes 23 haberá unha asemblea veciñal na Seca para presentar todo á cidadanía e recoller as súas achegas. A partir de aí, seguirá a tramitación administrativa do proxecto e prevese que as obras poidan empezar durante este ano 2017.
Relacionadas:
-
Unha nova praza une os dous locais sociais de Pidre
Por Redacción |
-
340.000 euros para mellorar a contorna da rúa da Seca
Por Redacción |
-
Reforma urbana na Seca e un novo parque ao carón do CGTD, novos proxectos do Concello
Por Redacción |
-
Saen a contratación obras en Cerponzóns e Ponte Muíños e adxudican a Naturgalia as 32 bases dos centros de compostaxe
Por Oskar Viéitez |
-
A veciñanza coñece o proxecto da nova praza de Cerponzóns
Por Oskar Viéitez |
-
O modelo urbano de Pontevedra, a estudo no Forum Civinet de Valencia
Por Redacción |
-
Salcedo, primeira parroquia con tratamento urbano no seu núcleo central
Por Redacción |
-
Reordenan o aparcamento no campus con vistas a peonalizar a parte central
Por Alejandro Espiño |