Abren unha investigación de oficio contra Audasa polas retencións na AP-9 entre Pontevedra e Vigo
Por Alejandro Espiño
As recentes retencións que se rexistraron na autoestrada AP-9, na conexión entre Pontevedra e Vigo, polas obras de Rande serán analizadas pola valedora do pobo. Así o anuncia a institución dirixida por Milagros Otero, que confirma que abriu unha investigación de oficio contra Audasa, a empresa concesionaria.
A alta comisionada parlamentaria está interesada en coñecer os mecanismos de compensación para o usuarios afectados nas mesmas e, sobre todo, as medidas de prevención que activará Audasa para evitar os graves atoamentos que nos últimos anos afectan a Galicia de xeito habitual sobre todo no período estival.
Milagros Otero dirixiu un oficio á empresa, no que lle pide colaboración para que informe das dúas grandes incidencias rexistradas nos últimos días. Unha delas estivo motivada pola deficiente sinalización da saída cara ao Milladoiro, na contorna de Santiago, o que provocou que moitos condutores se tiveran que desviar ata Padrón, aboando a correspondente peaxe.
No mes de abril tamén constan atascos importantes na conexión por autoestrada entre Pontevedra e Vigo. En ambos os dous casos as persoas afectadas víronse prexudicadas pola perda importante de tempo e por ter que aboar, a pesares destas circunstancias, a peaxe.
A valedoría pide ademais datos á concesionaria acerca de como espera evitar os atascos que nos últimos veráns se veñen repetindo nesta arteria xa que "en moitas ocasións as retencións nas peaxes se dan no verán porque as cabinas non son capaces de absorber o tráfico".
Nestas ocasións, indica a actuación de oficio, "non sempre se toman medidas para evitar os atascos e cando as colas son desproporcionadas, a autoestrada non abre as barreiras como unha consecuencia lóxica da súa responsabilidade na imposibilidade de manter un servizo adecuado ou propio dunha estrada de pago".
Acerca das incidencias rexistradas neste pasado mes, a valedoría pide información concreta a Audasa sobre as instrucións dadas aos traballadores das peaxes, sobre a persistencia das retencións ata que se decidiu, moito tempo despois, levantar a barreira e sobre as compensacións e respostas ás reclamacións presentadas polos prexudicados.
No marco da investigación, a valedora diríxese tamén á Delegación do Goberno en Galicia para que transmita a súa preocupación ao órgano competente, o Ministerio de Fomento; así como á Xefatura da Demarcación de Estradas do Estado de Galicia para que realice as súas aportacións sobre este problema no marco das competencias que lle son propias.
Relacionadas:
-
O BNG convoca en Pontevedra unha asemblea aberta de cargos públicos contra "a estafa das peaxes"
Por Redacción |
-
A valedora do Pobo manterá un encontro coa veciñanza de Marín
Por Oskar Viéitez |
-
Avanzan con atraso as obras para ampliar a capacidade da peaxe de Alba
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra reclama de forma unánime a transferencia da AP-9 a Galicia
Por Alejandro Espiño |