Entra pola fiestra para roubar escopetas de caza
Por Redacción
Un veciño de Marín de 19 anos foi detido por supostamente acceder á forza nunha vivenda da parroquia de Lourizán e levarse dúas escopetas de caza do calibre 12 e varias xoias. Para entrar na casa fracturou o cristal dunha fiestra. Tras o roubo, vendeu parte do substraído nun establecemento de compra-venda de Vigo, dando a pista á Policía Nacional para lograr a súa detención.
O mozo, con antecedentes policiais, foi detido por axentes da Policía Nacional da Comisaría Provincial de Pontevedra como presunto autor dun delito de roubo con forza no interior de vivenda. O seu arresto produciuse sobre as 14.15 horas deste luns 18 de marzo e, tras tramitarse o correspondente atestado policial foi posto a disposición xudicial.
Os feitos remóntanse ao pasado día 20 de febreiro cando o dono da vivenda na que supostamente roubou presentou denuncia. Tras iniciar as investigacións os axentes puideron comprobar que o agora detido vendera as xoias nun establecemento de compra-venda de Vigo, constándolle varias vendas, motivo polo que continuaron coas indagacións ao obxecto de intentar determinar a procedencia desas xoias.
Os axentes certificaron que o detido subtraera do domicilio da denunciante varias pulseiras, dous reloxos, un colar de perlas, un broche de ouro, unha cámara de fotos e aneis.
Unha vez que a dona das xoias recoñeceu en Comisaría que os obxectos eran os mesmos que os localizados no citado negocio de Vigo, os policías requisáronos e entregáronllos. A continuación, detiveron o veciño de Marín como presunto autor do roubo.