A Xunta inicia os tramites da candidatura do Parque Nacional das Illas Atlánticas a Patrimonio da Humanidade
Por Oskar Viéitez
Os conselleiros de Medio Ambiente e Cultura e Educación, Beatriz Mato e Román Rodríguez, confirmaron este luns o envío por parte do executivo galego ao Ministerio de Cultura da documentación que ten por obxecto xustificar o valor universal e excepcional do Parque Nacional das Illas Atlánticas que presenta a súa candidatura a Patrimonio da Humanidade.
Mato indicou que as compoñentes naturais e paisaxísticas de contrastado valor, así como a contorna e a riqueza dos ecosistemas mariños fan que o enclave cumpra cos criterios de selección marcados pola Unesco.
Román Rodríguez subliñou que a inclusión das Illas Atlánticas na lista do patrimonio mundial suporía un pulo para Galicia e para a cornixa Cantábrica.
De triunfar a candidatura, Galicia contaría por primeira vez cun ben natural como Patrimonio da Humanidade e sería o cuarto parque nacional español en formar parte da exclusiva lista da Unesco.
A titular de Medio Ambiente salientou que o investimento de preto de 9,5 millóns de euros no Parque Nacional das Illas Atlánticas é unha mostra da aposta do goberno galego por mellorar a proxección deste espazo natural.
O parque superou durante o ano pasado a barreira dos 400.000 visitantes e só na última Semana Santa a afluencia ás catro illas incrementouse nun 122 por cento con respecto ao mesmo período en 2016.
Relacionadas:
-
Bueu e Vilagarcía serán claves na candidatura das Illas Atlánticas a Patrimonio da Humanidade
Por Redacción |
-
Propoñen incluír as Illas Atlánticas na listaxe de zonas húmidas de importancia internacional Ramsar
Por Redacción |
-
Posta a punto do sendeiro de Cabo Udra para reforzar o seu atractivo turístico
Por Redacción |
-
Primeiro encargo para a ministra Cospedal: resolver a situación da Illa de Tambo
Por Redacción |