Os de sexto do colexio Carballal presentan un proxecto de seguridade viaria
Por Redacción
Os alumnos de sexto curso de primaria do colexio Carballal presentaron á corporación e a alcaldesa de Marín, María Ramallo, o seu proxecto de seguridade viaria "Camiñando ao cole seguriños", englobado dentro do PDI (Proxecto Didáctico Integrado) da biblioteca do centro "O mundo que queremos" que desenvolven todos os escolares durante este curso escolar.
A actividade comezou cunha marcha a pé e en bicicleta dende o colexio ata o Concello para a que se implicou a Protección Civil que proporcionou a seguridade no traxecto.
Unha vez no Concello, alumnado e profesorado subiron ao salón de plenos para presentar unha maqueta a escala do colexio e expoñer as carencias en seguridade viaria da contorna, e suxerir medidas necesarias a poñer en marcha e a maneira de levalas a cabo.
Na quenda de resposta, tomaron a palabra a alcaldesa, a portavoz do BNG e a concelleira de Educación e Cultura, establecendo un intercambio de pareceres sobre as posibles causas dos problemas viarios orixinados nos últimos anos.
O alumnado regresou ao centro tamén a pé e en bicicleta, deixando agora en mans da corporación as posibles actuacións.