O encontro pontevedrés da rede española de "Cidades dos nenos" será o máis longo e concorrido
Por Oskar Viéitez
O encontro da rede española de "Cidades dos nenos" do proxecto do pedagogo Francesco Tonucci reunirá este xoves e venres en Pontevedra a preto dun cento de representantes de concellos e diferentes entidades de todo o estado.
A intención deste encontro é poñer en común o traballo feito durante o último ano no desenvolvemento de políticas que permitan aumentar a autonomía das crianzas tanto dende o punto de vista educativo como do espazo urbano.
Segundo explicou o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, o encontro celébrase en Pontevedra e durará dous días "por petición de Tonucci", polo que o xoves estará case dedicado a "coñecer e ver que se fixo en Pontevedra", e o seguinte día o traballo será xa máis interno para os concellos e a propia organización.
Entre outras cuestións o debate xirará arredor do funcionamento da rede española de cidades no relacionado á súa estrutura e esixencias e condicionantes para poder permanecer dentro do proxecto xa que houbo concellos "que fixeron máis ben pouco" en canto a apostar por deseños urbanos válidos para as crianzas, polo que debaterase a posibilidade de facer máis ríxidos os criterios de adhesión e permanencia, incluso valorando unha cota económica de participación.
Finalmente, Mosquera puxo sobre a mesa a posibilidade de que a Deputación de Pontevedra se faga cargo da organización e dirección da rede española.
4.000 PERSOAS VISITARON "50 ANOS CON FRATO"
A exposición "Imaxinar a educación.50 anos con Frato" que a Deputación de Pontevedra abriu o pasado 28 de abril no Pazo da Cultura sobre a traxectoria e as viñetas de Francesco Tonucci foi vista xa por máis de 4.000 persoas, segundo o primeiro balance estimado realizado pola organización.
O vicepresidente Mosquera mostrou a súa satisfacción pola excelente acollida e adiantou que agarda acadar unhas 7.000 visitas de aquí a que remate a mostra o vindeiro 11 de xuño.
Ademais da exposición do Pazo da Cultura, a Deputación segue a realizar diferentes actividades complementarias. Preto de 90 escolares do CEIP Viñagrande-Deiro de Vilanova de Arousa participaron este mércores no "roteiro Tonucci" xogando por toda a cidade de Pontevedra da man de Migallas.
Relacionadas:
-
As cidades integradas na rede Tonucci ven irreversible a recuperación do espazo público
Por Redacción |
-
Mosquera: "Declararse fan de Tonucci e non ter valor para aplicar as súas ideas é o grande perigo que corremos"
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Os nenos do Froebel estrean o primeiro roteiro Tonucci
Por Redacción |
-
Tonucci fala dos seus 40 anos con ollos de neno
Por Mónica Patxot |
-
Frato amosa como facer visible o invisible do universo infantil
Por Mónica Patxot |
-
A relación entre Pontevedra e Tonucci, unha "profunda simbiose"
Por Redacción |
-
O consello de Tonucci: adaptar o modelo urbano de Pontevedra á personalidade de Cambados e O Grove
Por Redacción |
-
A imaxinación infantil visibilizarase no Pazo da Cultura cos debuxos de Frato
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |