Mosquera: "Declararse fan de Tonucci e non ter valor para aplicar as súas ideas é o grande perigo que corremos"
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez
Representantes de concellos e entidades da rede española de "Cidades dos nenos" do proxecto Tonucci que están a participar no encontro de 2017 organizado pola Deputación louvaron este xoves o modelo urbano de Pontevedra logo ver "in situ" como o espazo público tense recuperado para toda a cidadanía.
Tanto a presidenta da Deputación, Carmela Silva, como o vicepresidente provincial, Cesar Mosquera, sinalaron que as administracións deben traballar para converter as cidades en espazos de convivencia "máis amables para vivir", polo que instaron aos participantes no encontro, tanto de fóra de Galicia como da provincia, a traballar nos seus concellos nesa dirección.
Asisten a este encontro representantes das universidades do País Vasco e Zaragoza, así como do Innobasque, do Parque das Ciencias de Granada, do Museu Blau de Barcelona, e a Asociación Pedagóxica Frato, de concellos de Granada, Picanya, Rubi (Barcelona), Bilbao, Aldaia, Lleida, Fuerteventura, Barcelona, Carbajosa de la Sagrada (Salamanca), Solasgune (Biscaia), Xaén, Erandio, Guipúscoa, Huesca, Tolosa, Ermua e outras localidades.
Todos eles percorreron parte das rúas do centro histórico e tamén da "parte nova" da cidade da man do intendente xefe da Policía Local, Daniel Macenlle e do asesor de Mobilidade Jesús Fole.
Unha vez coñecida a cidade, o vicepresidente Mosquera foi quen realizou, xa pola tarde, un relatorio sobre as motivacións políticas que levaron a facer os cambios urbanos na capital da provincia.
Xa para rematar, Mosquera quixo subliñar ante os técnicos e políticos presentes que "declararse fan de Tonucci e non ter a decisión e o valor para aplicar as súas ideas, buscar subterfuxios evasivos, é o grande perigo que corremos e que xa estamos a vivir".
Durante a mañá os asistentes ao encontro foron recibidos no Pazo provincial pola presidenta Carmela Silva que lembrou o traballo feito na provincia de Pontevedra, onde 22 concellos están adheridos á 'rede Tonucci' coa que a Deputación "ten un enorme compromiso".
Por outra parte, os asistentes ao encontro tamén foron recibidos polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quen sinalou que o goberno local leva traballando 18 anos nun modelo de cidade definido logo de estar 12 anos na oposición. "Hai que ter claro que os modelos urbanos son decisións políticas", sentenzou.
Relacionadas:
-
As cidades integradas na rede Tonucci ven irreversible a recuperación do espazo público
Por Redacción |
-
O encontro pontevedrés da rede española de "Cidades dos nenos" será o máis longo e concorrido
Por Oskar Viéitez |
-
Os nenos do Froebel estrean o primeiro roteiro Tonucci
Por Redacción |
-
Tonucci fala dos seus 40 anos con ollos de neno
Por Mónica Patxot |
-
Frato amosa como facer visible o invisible do universo infantil
Por Mónica Patxot |