A Illa das Esculturas ponse a punto para o verán
Por Redacción
Reparar os danos causados polo inverno. É o obxectivo dos traballos de mantemento e conservación que o departamento de Parques e Xardíns do Concello está a realizar estes días na Illa das Esculturas.
Segundo informa o goberno municipal, os traballos están a centrarse no mobiliario e nunha das pontes da illa, para que estean en boas condicións de uso de cara ao verán.
As obras dos bancos consisten na reposición das pezas de madeira que están en mal estado ou en colocar aquelas que falten.
Ademais estáselles aplicando un tratamento específico para a limpeza e conservación da madeira no exterior, co propósito de alongar o máis posible a súa vida útil.
Ao mesmo tempo, os operarios están a rematar os traballos de mantemento na primeira ponte de madeira da illa, a máis próxima á entrada da Xunqueira.
Neste caso estase a facer un tratamento integral de substitución das madeiras que estaban en mal estado tanto nos pasamáns como no chan. Os traballos amplíanse á limpeza dos arcos da ponte.
Para realizar todos estes labores, puxéronse medidas de protección ambiental para non danar a canle interior da illa.