Multan un ciclista por non manter a atención permanente á condución
Por Oskar Viéitez
Axentes da Garda Civil de Tráfico multaron un ciclista de Pontevedra por "conducir un vehículo sen manter a atención permanente á condución".
A infracción cometeuse o pasado martes 23 de maio no quilómetro 1,800 da estrada autonómica PO-306, no termo municipal de Vilanova de Arousa.
Segundo consta na multa, o ciclista foi sancionado por "conducir un vehículo sen manter a atención permanente á condución, circula en bicicleta xunto a outros ciclistas, vai conversando con eles e non se decata que circula de a tres ocupando gran parte do carril dereito, expoñéndose así a un atropelo".
Engade a continuación que "hai unha beiravía de dous metros pola que se pode circular en paralelo perfectamente".
A multa é de 80 euros, aínda que se a abona antes do 12 de xuño só será a metade.